Guillarei lembra os mártires de Sobredo

O Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo organiza unha homenaxe na que intervirá o profesor Elías Torres Feijóo, decano da Facultade de Filoloxía da USC.
Homenaxe aos mártires de Sobredo
photo_camera Homenaxe aos mártires de Sobredo.

A semana vindeira cúmprense 101 anos dos tráxicos feitos de Sobredo onde tres campesiós foron vítimas dun tiroteo das forzas da orde contra unha mobilización agraria. Para marcar a data, este domingo, ás 11 horas, o Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, coa colaboración do Concello de Tui, organiza unha homenaxe que terá lugar xunto ao carballo de Guillarei. O acto contará coa intervención do profesor Elías Torres Feijóo, decano da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. 

Os sucesos tiveron lugar o 28 de novembro de 1922 e foron provocados pola represión dunha manifestación que tivo lugar en Sobredo (Guillarei, Tui)), na que se trataba de evitar o desaloxo dun veciño que se negara a pagar as rendas forais que se mantiñan sobre as terras e que eran pagadas polo campesiñado, de maneira anual, após as colleitas das datas próximas ao San Martiño. 

Monumento dinamitado polos fascistas

A Garda Civil dirixíase a embargar o veciño cando máis de 2.000 persoas ser reuniron para evitar o embargo. Porén, a Garda Civil disolveu a tiros a concentración de protesta, unha intervención que provocou a morte de Cándida Rodríguez, veciña de Pazos de Reis, Venancio González, de Budiño, e Joaquín Besada, de Soutelo, e que tivo unha ampla repercusión por toda a Galiza, acelerando o debate político para acabar co sistema foral, que desaparecería, finalmente, en 1926. 

En novembro de 1932 ergueuse o monumento na memoria dos mártires por subscrición popular, mais os fascistas dinamitaron a obra en xullo do 1936. Cincuenta anos despois da súa destrución, en 1986, reivindicouse o papel dos mártires e entidades sociais da bisbarra promoveron a reconstrución do monumento. O ano pasado, logo da celebración do centenario destes feitos, o Concello de Tui acordou designar unha rúa co nome de Mártires de Sobredo para homenaxear os asasinados. 

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios