Homenaxean os Mártires de Sobredo no centenario do seu asasinato

28 de novembro de 1922 eran asasinados en Sobredo (Tui) dous labregos e unha labrega no marco das protestas campesiñas contra o sistema foral e o réxime da I Restauración. 100 anos despois, o Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo rende homenaxe ás vítimas daquel masacre executado pola Garda Civil e lembra un capítulo decisivo da rebeldía galega nas décadas iniciais do século XX.

Homenaxe aos Mártires de Sobredo en 2017. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Homenaxe aos Mártires de Sobredo en 2017. (Foto: Nós Diario)

Os actos de homenaxe ás vítimas da matanza de Sobredo arrancarán as 11 horas do hoxena carballeira da parroquia. Media hora máis tarde, as persoas asistentes desprazaranse ao monumento en lembranza ás vítimas, onda tomarán a palabra o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a escritora María Reimóndez e a música Uxía Senlle. A continuación desenvolverase a tradicional ofrenda foral aos asasinados, rematando a xornada coa actuación musical de diversos grupos musicais da comarca.

O masacre de 1922

O masacre de Sobredo de 1922 foi un capítulo chave da historia das loitas agrarias na Galiza. Desenvolveuse no marco dos grandes conflitos sociais contra o sistema foral e contra a quenda que marcou o réxime político da I Restauración. Neste contexto, a Garda Civil abriu fogo contra centos de veciños que tentaban impedir un embargo, ficando mortos no enfrontamento Joaquín Besada, Venancio González Romero e Cándida Rodríguez González.

A matanza de Sobredo non foi un feito illado na dialéctica política e social da Galiza da I Restauración. O recurso á forza para combater as demandas dos sectores populares resultou unha constante nas tres primeiras décadas do século XX, comezando co asasinato de sete persoas en Oseira (Cea) no ano 1909, de unha en Láncara en 1912, de dúas en Noia en 1915, de cinco en Nebra (Porto do Son) no ano 1916, dun mínimo de seis en Trasancos en 1918 e de catro en Sofán, no concello de Carballo, en 1920.

Os sucesos de Sobredo foron clarificadores da  crise da I Restauración, da socialización do seu rexeitamento e da emerxencia de novos sectores sociais que o cuestionaban. Neste escenario, ao réxime só lle ficaba para manterse no poder recorrer á forza para resolver conflitos de natureza política.

A dura represión foi a resposta gobernativa a un proceso axitador de meses arredor de reivindicacións concretas, dirixido e alentado desde os círculos agrarios, nunha orientación de fondo crítica coas oligarquías civís, relixiosas e militares que conformaban o núcleo de poder do réxime.

Un símbolo da dignidade labrega

Os feitos de Sobredo remataron por converterse nun símbolo da dignidade labrega na Galiza. Neste contexto,  27 de novembro de 1932, aproveitando o décimo aniversario dos feitos foi inaugurado un momentos ás vítimas promovido pola Federación Provincial Agraria de Pontevedra.

A descuberta da peza, elaborada polo escultor nacionalista vigués, Camilo Nogueira, consistiu nun destacado acto agrarista con asistencia de numeroso público de toda a provincia, que acudiu coas bandeiras e estandartes das diversas organizacións e numerosas coroas de flores.

A cerimonia deu inicio cun discurso de Antón Alonso Ríos, que se dirixiu aos asistentes desde o mesmo monumento. Seguidamente, falou Ramón Alonso Martínez, como presidente da Federación Provincial e da Comisión que organizou a homenaxe, para facerlle entrega do monumento ao alcalde de Tui. O secretario da Federación, Indalecio Tizón Reboreda, encargouse de ler a seguinte acta, coa que facía a entrega da obra artística de Camilo Nogueira.

A significación que adquiriu este monumento ás vítimas do movemento agrario, provocou que fose derrubado polas autoridades franquistas nas semanas posteriores ao golpe de Estado fascista de xullo de 1936.

27 de novembro de 1988,  62 anos após a traxedia, procedeuse a nova inauguración do conxunto restaurado polo movemento veciñal e cultural do Baixo Miño. 

Comentarios