Celanova homenaxea a loita de Luís Soto

Luís Soto (Celanova,1902-México D.F 1981) é unha desas persoas necesarias para entender a historia contemporánea. Militante do PCE no período republicano, dinamizador do exilio galego en México, impulsor da revista Vieiros e cofundador da UPG, vai ser homenaxeado o 18 de setembro en Celanova.
Luís Soto, María Docampo, Daniel Castelao e Virxinia Pereira nos Estados Unidos. (Foto: ‘Castelao, a UPG e outras memorias')
photo_camera Luís Soto, María Docampo, Daniel Castelao e Virxinia Pereira nos Estados Unidos. (Foto: ‘Castelao, a UPG e outras memorias')

O vindeiro 18 de setembro, a Fundación Peña Novo homenaxea en Celanova Luís Soto. Os actos arrancan ás 12 horas no auditorio da vila, coa proxección do documental Luís Soto, discurso para un país, un traballo de perto dunha hora coordinado por Carme Vaquero onde se repasa a súa traxectoria política e persoal. O filme achega diversa documentación recollida no fondo de Soto, depositado no arquivo da Deputación de Ourense así como a opinión de investigadores, amigos e compañeiros de loita. Entres estes atópase o seu biógrafo, Xurxo Martínez, autor do volume Luís Soto. A xeira pola unidade galega, os seus camaradas de loita Xosé Luís Méndez Ferrín e Xosé González Martínez e Arturo Reguera, quen participou con Soto na oposición ao encoro de Castrelo de Miño nos anos 60.

A xornada continúa ás 13 horas diante da casa natal Soto, en Vilanova dos Infantes, coa descuberta dunha estatua na súa lembranza elaborada por José Molares. Alí está prevista a actuación musical da Banda de Vilanova, as intervencións da sobriña do homenaxeado Sara Feixoo Soto, do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, do alcalde de Celanova, Antonio Puga, escritor Xosé Luís Méndez Ferrín e do presidente da Fundación Peña Novo, a entidade organizadora do acto, Xosé González Martínez.

Precisamente González Martínez sinala a Nós Diario que “facemos este acto para recuperar a memoria” porque “Soto tiña unha idea exacta do que había que facer e eu fun aplicando aquel ideal que Soto me comentaba”.

A fundación da UPG

González Martínez, camarada de militancia de Soto na Unión do Povo Galego (UPG) e no Partido Galego do Proletariado (PGP), destaca o papel do comunista de Celanova “como ponte do exilio coas novas xeracións” e “na fundación da UPG”. A este respecto, algúns dos membros do núcleo inicial da UPG, como Bautista Álvarez ou Xosé Luís Méndez Ferrín, teñen significado o relevo de Soto na decantación política daquel grupo de mozos integrados no grupo Brais Pinto desde a primeira reunión con el en Madrid en 1959, así como a súa presenza no acto de formal de fundación da UPG, o 25 de xullo de 1964 en Santiago de Compostela.

A traxectoria política de Soto iníciase nas filas do comunismo de obediencia española nos momentos limiares da II República. Impulsor do Partido Comunista en Ourense, canda persoas como Benigno Álvarez, Jesusa Prado ou Fernández Carnicero, dirixente da Asociación de Traballadores da Ensinanza de Ourense (Ateo), estrutura sindical de carácter unitario con comunistas, nacionalistas, republicanos burgueses, socialistas nacionalistas e libertarios no seu interior, consegue fuxir da morte certa a mans do fascismo após o golpe de Estado de 1936 a través Portugal e reintegrarse na loita política na zona do Estado baixo o control do Goberno legal.

O presidente da Fundación Peña Novo destaca os servizos de Soto ao Executivo republicano e o seu labor entre a comunidade galega exiliada en México. “Acompañou a Castelao nas grandes xeiras de propaganda polos Estados Unidos e Cuba e rematou por exiliarse en México, onde promoveu Vieiros, a gran revista galega da emigración”, afirma González Martínez, quen define a publicación como “integradora dun abano político amplo onde tiñan cabida as diferentes sensibilidades do galeguismo”. Nesta mesma liña, destaca o seu papel de organizador e impulsor de múltiples actividades culturais e políticas, salientando a súa contribución á fundación das plataformas unitarias do exilio, á constitución do Padroado da Cultura Galega en México ou aos congresos galegos da emigración.

Soto, exiliado en México desde 1939 até a súa morte, xogou un papel de relevo nalgunhas das loitas máis importantes libradas na Galiza contra a ditadura. Unha vez que recuperou a autorización para poder visitar o país, onde pasou nalgúns períodos longas temporadas, non dubidou en participar en diversas mobilizacións contra o réxime. Así, destaca o seu papel nas tarefas de oposición ao encoro de Castrelo de Miño na segunda metade da década dos 60, sendo un dos principias organizadores do xantar de homenaxe a Celso Emilio Ferreiro no Hotel Roma de Ourense en 1966, considerado o primeiro mitin político antifranquista da Galiza após o golpe de Estado de 1936.

“Un home de principios”

“Foi, en primeiro lugar, un home de principios que operaba cunha grande ética persoal”, destaca González Martínez, quen define Soto como “un home de complicidades, que me falaba de moitos temas malia a diferenza de idade, con que mantiven unha gran relación afectiva e que non había ano que viñera a Galiza que non me avisase”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios