Iniciativa Galega pola Memoria aplaude a decisión do Estado de recorrer a sentenza que obriga a indemnizar os Franco

O colectivo amosou a súa satisfacción pola decisión do Estado de recorrer a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña que, ademais de obrigar a indemnizar á familia Franco, estabelece a boa fe no proceder do ditador e a súa descendencia.
Pazo de Meirás (Foto: Nós Diario).
photo_camera Pazo de Meirás (Foto: Nós Diario).

Para Iniciativa Galega pola Memoria o cambio de parecer do Goberno estatal mais tamén da Xunta da Galiza mostra "a forza da loita pola memoria que o pobo galego vén exercendo desde hai décadas".

"Sen o esforzo maratoniano realizado no últimos quince días por milleiros de persoas e ducias de colectivos galegos e estatais, as Administracións avalarían unha sentenza que resulta totalmente inasumíbel desde o punto de vista democrático", manifesta.

"Relato edulcorado"

"Non só por pretender institucionalizar o espolio a través da entrega de diñeiro público a quen o realizou, senón tamén por dar por bo un relato edulcorado da ditadura xenocida que suporía unha nova burla ás vítimas", sostén o colectivo nun comunicado.

Segundo recolle o escrito, "a loita social foi chave para finalizar coa incomprensíbel pasividade que as institucións democráticas mantiveron durante máis de corenta anos respecto ao espolio da familia Franco".

"O cambio que supuxo a interposición en xullo de 2019 da demanda para a recuperación de Meirás veu provocado por anos de mobilización social", recalca a entidade nun comunicado no que destaca o traballo dos integrantes da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña mais dos investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez.

Iniciativa Galega pola Memoria agradece, en particular, o esforzo de ambos os dous, "así como de todas as persoas que, a través da súa sinatura, do seu traballo nas diferentes organizacións memorialísticas ou co seu discurso nas redes ou no seo das súas respectivas agrupacións políticas, empurraron para lograr, de novo, cambiar o que parecía inamovíbel", sinala sobre o cambio de criterio do Estado.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios