Foz repasa a súa historia local, desde as Irmandades e a guerrilla até os normandos

A Asociación Socio-Cultural A Pomba do Arco dará comezo na segunda feira -1 de agosto- a XXI edición das Xornadas de Historia Local que esta asociación vén celebrando de xeito ininterrompido.

Foto Xornadas.
photo_camera Imaxe de Foz que ilustra o cartel das Xornadas

Os relatorios inícianse o 1 de agosto ás 20:30 na Casa da Cultura “Poeta Manuel María” de Foz cunha palestra a cargo  de José Manuel Romero Moreno co titulo “O Condado de Fontao” onde se percorrerá a historia do mesmo desde o século XV até o século XXI. Romero Moreno, doutor en dereito, catedrático de filosofía do dereito e avogado, actualmente é Conde de Fontao e Marqués de San Sadurdiño.

Na terza feira será a quenda para o relatorio de Carlos Nuevo Cal, cronista oficial de Viveiro, que disertará sobre “As irmandades da fala na Mariña” nun percorrido pola historia desta entidade, así como da importante relación de Antón Vilar Ponte e Noriega Varela con Foz, onde editaron o xornal “Automobil” e o “Guau Guau”.

A emigración é o tema da palestra da cuarta feira, que leva por título “Crónicas da emigración focega” e suporá un percorrido pola historia da emigración focega, deténdose na obra social e cultura desenvolta por estes así como nalgúns dos fitos dos nosos emigrantes. O autor do relatorio será Martín Fernández Vizoso, xornalista, crítico literario e autor de números traballos sobra a historia da emigración mariñá e focega.

Na quinta feira o relatorio correrá a cargo de Eliseo Fernández, historiador e documentalista, importante especialista na investigación do movemento obreiro, a represión e a guerrilla en Galiza, que achegará aos presentes as actividades da guerrilla antifranquista nas terras de Foz así como dos focegos que tiveron unha participación activa na loita guerrilleira.

As Xornadas fecharanse na sexta, 5 de agosto, cunha palestra baixo o titulo “Os normandos no norte galega” coa que se pretende achegar información sobre a presenza dos povos do norte nas nosas terras. Será obra de Xoán Ramón Fernandez Pacios, historiador, directivo da Pomba do Arco e autor dunha documentada biografía sobre San Gonzalo que significa unha das máis importantes achegas aos estudos dos normandos en Galiza.

Comentarios