Exixen a retirada de símbolos franquistas das instalacións de Defensa na Galiza

Atópanse en diferentes puntos de Ferrol, Compostela, A Coruña e Pontevedra.
Escudo franquista no cuartel Sánchez de Aguilera de Ferrol (Foto: Nós Diario).
photo_camera Escudo franquista no cuartel Sánchez de Aguilera de Ferrol (Foto: Nós Diario).

A pegada do franquismo segue a ser visíbel no país. Aínda quedan numerosas referencias a persoeiros destacados da ditadura nas rúas e os edificios públicos que, en base á Lei de Memoria Histórica, deberían ser retiradas.

A CIG remitiu onte senllas cartas á ministra de Defensa, Margarita Robles, e o almirante do Arsenal de Ferrol, Antonio Duelo Menor, solicitando a retirada de diferentes símbolos fascistas que se atopan en dependencias adscritas ao departamento de Robles.

No caso de Ferrol, o sindicato denuncia a existencia dun escudo franquista na fachada do cuartel Sánchez de Aguilera, unha estatua ecuestre de Francisco Franco no servizo de Repostos, unha cruz e unha placa na igrexa de San Francisco coa mensaxe "A Mariña de guerra aos gloriosos caídos do Baleares (embarcación franquista), caídos por Deus e por España no Cruceiro Baleares, presentes!", e até nove nomes vencellados á ditadura na nomenclatura das rúas do Arsenal.

Na Coruña, alertan dunha placa dedicada ao xeneral Yagüe (un dos principais conspiradores contra o réxime republicano) na sala de honra da Capitanía Xeral. Así mesmo, a CIG advirte que no Museo Militar desta cidade hai "contidos que omiten a realidade subversiva contra a legalidade republicana que supuxo o golpe de Estado en xullo de 1936".

En Pontevedra, salientan a denominación dun colexio financiado pola Armada, o Salvador Moreno (militar golpista), e na capital galega lembran a nomenclatura da residencia de estudantes do Exército Tenente Xeneral Barroso (quen desertou do bando republicano para combater a prol de Franco).

Alternativas para o rueiro ferrolán

No seu escrito, a CIG puxo sobre a mesa diferentes nomes para mudar o rueiro do Arsenal de Ferrol, a fin de "dignificar a figura da muller traballadora na historia da cidade".

A proposta inclúe dez mulleres vencelladas ao movemento obreiro ferrolán (Antonia Alarcón, Amalia Fraguela, Josefina Neira, Amália Vergara, Josefa Gómez de Mera, Maria Abella Castro, Amparo Foxo, Josefa Martínez, Manuela Valcárcel Mela e Rosa Caridad Paz), así como "As carboeiras", "As lavandeiras", "As augadoras" e "As cargadoras do dique da Campá".

Comentarios