A Iniciativa Galega pola Memoria súmase á querela arxentina contra o franquismo

A Iniciativa Galega pola Memoria vén de anunciar o seu apoio á querela arxentina contra o franquismo.

iniciativa galega pola memoria e chato galante
photo_camera Membros da Iniciativa Galega pola Memoria e da Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina (Chato Galante e Miguel Ángel Gómez) a pasada fin de semana en Pontevedra. Foto: Iniciativa Galega pola Memoria.

A decisión adoptouna a agrupación despois dun encontro en Pontevedra con Chato Galante e Miguel Ángel Gómez, membros da Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina contra os crimes do franquismo. Estes, torturados no tardofranquismo, “instaron á representación do colectivo a impulsar a adhesión do movemento memorialístico galego ao proceso xudicial”.

O citado proceso, lembra a Iniciativa Galega, “logrou importantes avances dentro do territorio español, pois xa son tres os xulgados que admitiron a trámite denuncias, en Rivas Vaciamadrid, en Valencia e en Madrid”.

“A loita contra a impunidade do franquismo debe ser prioridade para calquera forza democrática que pretenda gobernar”, consideran as activistas galegas, para quen a querela arxentina e o apoio á mesma, “aínda sendo simbólico podería concretarse no futuro na interposición de querelas por parte de familias, colectivos ou concellos galegos para que se abran investigacións por delitos de lesa humanidade”.

A Iniciativa Galega pola Memoria anuncia ademais a súa intención de, no mes de abril, organizar un encontro coas asociacións que a integran para “intentar constituír unha plataforma galega de adhesión á Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina”.

“Máis alá da postura que poida adoptar a xustiza española, iniciar o proceso é importante non só para rachar coa impunidade senón tamén porque pode ser o primeiro paso para obter amparo en organismo internacionais como o Tribunal de Dereitos Humanos”, conclúe a Iniciativa Galega pola Memoria nun comunicado.

Comentarios