David Xesteira é historiador

David Xesteira: "Tomei a decisión de crear un espazo de difusión e debate para tratar a historia da Galiza"

David Xesteira é un historiador e divulgador, fundador do podcast “Descifrando a Historia”. Nel, narra diversos episodios históricos da Galiza, centrándose en aspectos máis descoñecidos dalgúns dos eventos que marcaron o devir do noso país. Nado en 2020, “Descifrando a Historia” xa conta cun ano de vida, e polos episodios deste podcast xa pasaron persoeiros como Xulio Ríos ou Marilar Aleixandre. Para esta nova tempada, Xesteira dá o salto tamén a Twitch, e o seu primeiro invitado será Manuel Gago.
Como outros moitos proxectos, ‘Descifrando a Historia’ naceu durante o confinamento. (Foto: Nós Diario) #descifrandoahistoria  #historia #podcast #twitch
photo_camera Como outros moitos proxectos, ‘Descifrando a Historia’ naceu durante o confinamento. (Foto: Nós Diario)

Como foi o nacemento de “Descifrando a Historia”?

A idea xurdiu durante o confinamento. Eu estaba naquel momento en Francia e levaba un tempo buscando proxectos que falasen sobre a historia da Galiza, mais vin que ese espazo estaba bastante baleiro. Foi aí cando comecei a pensar que estaría ben que existise un espazo de difusión e de debate para tratar a nosa historia, e tomei a decisión de crealo eu. Optei polo formato audiovisual, e en específico o podcast, porque era o que máis se axustaba ao que eu quería facer. De marzo a setembro estiven deseñando todo, e finalmente o 1 de outubro de 2020 puiden publicar o primeiro podcast. Despois de cumprir o ano de vida, penso que xa conseguín lograr os meus obxectivos principais.  

Que enfoque ten cada episodio do podcast?

“Descifrando a Historia” ten dúas vertentes. Por unha banda, os episodios nos que eu son o único narrador dun acontecemento histórico e nos que falo de aspectos máis descoñecidos. Pola outra, os episodios nos que traio persoas invitadas. Estes segundos son os que penso que máis lle interesan ás ouvintes, porque son entrevistas nas que falamos dun determinado tema relacionado coa historia da Galiza. A maiores tamén redacto fíos divulgativos na conta de Twitter do proxecto para a xente que non escoitou aínda o podcast e está interesada en pequenas pílulas de coñecemento. 

Céntrase nalgunha etapa histórica en concreto ou fai un percorrido xeral?

Vouna percorrendo, desde que existe a primeira Gallaecia até a actualidade. Non hai unha continuidade cronolóxica, senón que vou pivotando, aínda que quizais nun futuro si que publique algún contido complementario que desenvolva un repaso lineal da historia do país.

Para escoller cada tema do que falo, céntrome nos meus intereses persoais, en primeiro termo, e en recomendacións que me fan amizades e achegados, en especial se son persoas que non estudaran antes Historia. Por que? Porque se eu baseo os episodios nas recomendacións que buscan ser máis divulgativas é máis sinxelo que poidan chegar a novos públicos. Normalmente son temas que, por un motivo ou outro, as persoas non entenderon moi ben cando o estudaron na escola. Ademais, céntrome na actualidade histórica. Se leo algunha noticia de relevancia que pode achegar algo novidoso ao podcast, baséome nela para preparar un programa. 

De todos os episodios publicados, hai algún do que garde especial recordo?

A verdade é que é difícil escoller un só, pero, realmente, fíxome moitísima ilusión poder gravar un programa con Xulio Ríos sobre o seu libro do comunismo na China e a metamorfose do modelo chinés. Xulio comportouse comigo dunha maneira excepcional, en todo momento foi comprensivo e moi amábel. Agardo que lea esta entrevista. Se o fai, mándolle un abrazo e un saúdo, porque foi moi grato poder conversar con el e entrevistalo. Aínda que só teña que quedarme con un, tamén quero destacar o que gravei con Marilar Aleixandre, xa que me descubriu moitas cousas que descoñecía de Emilia Pardo Bazán.

Anunciou nas redes que vai comezar tamén en Twitch

Despois dun ano gravando episodios cuns datos de audiencia moi positivos, reflexionei sobre o que fan outras compañeiras de divulgación como Ciencia e Tal ou Balea Vermella, e vin que é algo que a min tamén me gustaría facer. Non de maneira cotiá, senón tres ou catro directos por tempada. Comezo o sábado 6 de novembro entrevistando a Manuel Gago, e a verdade é que teño moitas ganas xa de que chegue ese momento.

Comentarios