Comeza o Congreso Internacional do Reino da Galiza: "Chegou o momento de pór fin á súa ocultación"

O evento pode seguirse ao vivo a través do portal web do Reino medieval da Galiza.
Acto inaugural das xornadas. (Foto: Deputación da Coruña)
photo_camera Acto inaugural das xornadas. (Foto: Deputación da Coruña)

Após un ano de preparativos e con moita expectación ao seu redor, na mañá desta segunda feira deu comezo o primeiro Congreso Internacional sobre o Reino medieval da Galiza, nun acto de apertura no que participaron a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; o curador científico do Congreso, Anselmo López Carreira, e o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.

"Hoxe é un día transcendental na nosa historia, porque este Congreso é o primeiro que se celebra sobre a nosa época medieval, esa realidade que a pesar do seu esplendor e das evidencias históricas de todo tipo, foi sistematicamente relegada e negada pola historiografía oficial e directamente ocultada nos materiais educativos e divulgativos", dixo Couto na súa intervención.

Ao mesmo tempo, subliñou que é "o momento" de rematar coa "ocultación do Reino da Galiza", algo que acontecerá desde esta segunda feira e até a quinta, día 22, a través de diversos debates e relatorios.

O obxectivo, precisou, non é "reconstruír a historia"; lonxe diso, é "exercer o dereito a saber de nós, de poder estudar e investigar, desde o rigor e o compromiso científico, a historia dun período absolutamente central para o noso país".

López Carreira, pola súa parte, lembrou que hoxe fai 911 anos e dous días "a coroación de Afonso VII, aínda infante, por parte do bispo Xelmírez", un evento do que "temos cumprida información na Historia Compostelá" e cuxa efeméride fíxose coincidir con este congreso.

Concha Losada, alén de agradecer a escolla do Museo do Pobo Galego como sede do simposio, vinculou a temática que se aborda cunha nova liña de traballo que está a desenvolver a institución museística e que consiste na posta en marcha de "novas salas de exposición dedicadas especificamente á historia da Galiza".

Após o acto inaugural, o primeiro relatorio, titulado 'Historiografía catalá versus historiografía española: un exemplo historiográfico alternativo', correu a conta de Jaume Sobrequés, da Universidade Autónoma de Barcelona.

Logo foi a quenda de Simon Doubleday (Universidade Hofstra de Nova York), cuxa intervención versou sobre a 'Historia de dúas fronteiras. Reflexións sobre as relacións con Al-Ándalus durante o reinado de Fernando I e Sancha da Galiza-León', mentres Pablo Díaz Martínez (Universidade de Salamanca) falou sobre 'Fontes e historiografía do reino suevo'. Os relatorios van seguidos dun coloquio moderado pola xornalista Charo Lopes.

Todas as sesións están a ser retransmitidas ao vivo a través da páxina web www.reinomedievaldegalicia.gal, que centra nunha pantalla única as diferentes relatorías, as proxeccións e a interpretación para as persoas xordas.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios