Coleccionábel 'Os reis e as raíñas da Galiza'

Xurxo Couto: "Temos dereito a coñecer a nosa propia historia"

A Deputación da Coruña está a apoiar diversos proxectos de divulgación da historia do Reino da Galiza. Un deles é 'Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu', impulsado por 'Nós Diario'. O responsábel da área de Cultura da Deputación, Xurxo Couto, explica as iniciativas do departamento nesta materia.
Xurxo Couto, responsábel da área de Cultura da Deputación. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xurxo Couto, responsábel da área de Cultura da Deputación. (Foto: Nós Diario)

—O vindeiro 1 de setembro sae á luz o primeiro fascículo do coleccionábel de Nós Diario sobre os reis e as raíñas da Galiza. Como valora esta publicación que permitirá coñecer os nomes das e dos monarcas desde o século V?
É unha iniciativa estupenda e absolutamente necesaria, como todas aquelas que normalicen o que xa debera selo, o dereito a coñecer a nosa propia historia.

Neste caso, ademais, vai permitir socializar un enfoque propio e rigoroso do poder político galego desa altura histórica e axudar a asentar un marco de referencia non contaminado pola historiografía españolista, que foi a que triunfou e aínda se segue a estudar no 
sistema educativo.

—Este novo coleccionábel, xunto cun paquete de 36 podcast e mais unha base de datos sobre o Reino da Galiza en formato dixital que porá en marcha Sermos Galiza S.A., está apoiada polo fondo do Reino da Galiza da Deputación da Coruña. A que responde esta proposta?
Esta é unha iniciativa coa que queremos contribuír á produción de materiais culturais diversos en canto aos públicos, formatos e contidos, mais sempre ao redor da divulgación da propia existencia do Reino da Galiza e do seu desenvolvemento histórico, figuras, momentos.

Corrixir a ocultación e a manipulación histórica groseira que padecemos como pobo é, infelizmente, un traballo aínda por facer. Na Deputación da Coruña pensamos que tiñamos unha responsabilidade e unha oportunidade para, desde as nosas posibilidades, axudar 
a facelo. 

—O fondo do Reino da Galiza promovido pola Deputación da Coruña vai permitir levar adiante máis de 20 proxectos sobre esa realidade política. Teñen previsto darlle continuidade na institución a iniciativas destinadas á divulgación da historia do reino galego?
A resposta que tivo a convocatoria foi espectacular, presentáronse máis de 120 proxectos, cun nivel de calidade e interese moi alto. A nosa intención é darlle continuidade. Enmárcase nunha liña de traballo máis ampla, da que tamén fan parte outras iniciativas e proxectos que teñen o reino medieval da Galiza como eixo, e que se irán coñecendo nos vindeiros meses.

E ademais estes proxectos son tamén oportunidades para o territorio desde o punto de vista cultural, turístico e económico. Moitos deles constrúen un novo relato e ofrecen contidos de calidade para singularizar e enmarcar a propia historia e patrimonio local dos concellos.  

—A semana do 19 ao 22 de setembro, Compostela acolle un congreso impulsado pola Deputación e dirixido por Anselmo López Carreira sobre o Reino da Galiza.
Vai ser un encontro de referencia, que agardamos que sirva de punto de inflexión no sentido de que abra debates e contribúa ao maior coñecemento académico, mais tamén social, sobre a historia medieval galega, cunha dinámica propia e unha lóxica consciente. 
Xa está practicamente completa a reserva de asistencia aos diferentes relatorios, que se van desenvolver no auditorio do Museo do Pobo Galego e cuxa alta participación tamén nos sorprendeu.

Desde a Deputación da Coruña, entendemos que é preciso avanzar nas dúas vías, a do coñecemento e investigación científica e académica, dun lado, e a da divulgación social e a creación de contidos e produtos culturais.

1.000 anos do Reino da Galiza

Unha viaxe pola historia do país, baixo o título de Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu, arranca na vindeira quinta feira, 1 de setembro, acompañando as lectoras e lectores de Nós Diario até o 31 de outubro. A proposta, impulsada por Sermos Galiza e apoiada pola Deputación da Coruña e coordinada polo profesor da Universidade da Coruña, Alexandre Peres Vigo; conta coa colaboración dos investigadores Xosé Ramón Ermida e Heitor Picallo.

O proxecto consiste nun coleccionábel de 34 fascículos que se publicarán de terza e sexta feira durante os meses de setembro e outubro, onde se recolle a biografía dos reis e das raíñas do Reino da Galiza, comezando por Hermerico e finalizando con Afonso V e Xoana de Trastámara. As persoas subscritoras e lectoras poderán facerse coa carpeta da publicación, solicitándoa no mes de setembro a Nós Diario.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios