Raíñas e reis galegos, protagonistas do mes de setembro da man de 'Nós Diario'

Conta atrás para o proxecto multidisciplinar e con perspectiva de xénero sobre o Reino da Galiza.
O castelo de Pambre, en Palas de Rei, será un dos lugares de interese que se visitará nunha das rutas do proxecto.
photo_camera O castelo de Pambre, en Palas de Rei, será un dos lugares de interese que se visitará nunha das rutas do proxecto. (Foto: Turismo.gal)

Fica menos dun mes para que o 1 de setembro se estree Os reis e raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu, o proxecto que promove Sermos Galiza S.A. A proposta foi seleccionadas no certame "Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia 2021-22" da área de Cultura da Deputación da Coruña, que pretende pór en valor un período da historia do país que non resulta o suficientemente coñecido. Neste contexto, a iniciativa de Sermos Galiza S.A. busca dar a coñecer as figuras de 40 monarcas do antigo reino galego a través dunha proposta multidisciplinar.

O proxecto contará coa participación dos investigadores Héitor Picallo Fontes, Xosé Ramón Ermida Meilán e Alexandre Peres Vigo, quen tamén o coordinará.  O obxectivo principal é investigar sobre as dinastías rexias que gobernaron na Galiza entre o ano 409 e finais do século XV a través de catro liñas de accións diferentes: un coleccionábel, un podcast, un banco de datos e oito rutas culturais.

O coleccionábel

De terza a sexta feira durante os meses de setembro e outubro, publicarase en Nós Diario un coleccionábel conformado por 34 fascículos sobre a biografía dos reis e das raíñas do Reino da Galiza, comezando por Hermerico e finalizando con Afonso V e Xoana de Trastámara. Ao remate do coleccionábel, poderanse reunir as 136 páxinas das diferentes entregas como se dun pequeno libro se tratase.

Os podcast

Outra das liñas de traballo é a difusión de 34 podcast, de cinco minutos cada un, sobre as monarquías galegas a través da versión dixital do xornal e das súas redes sociais así como das plataformas Ivoox e Spotify. Os podcast presentaranse no mesmo período do coleccionábel e manteranse de maneira ilimitada na edición dixital de Nós Diario con posibilidade de descarga.

O banco de datos

O proxecto tamén contempla a elaboración dun banco de datos dixital sobre a temática con información complementaria á publicada nos cadernos e nos podcast. Esta ferramenta, á que se poderá acceder na versión dixital do xornal, tamén contará con imaxes dos reis e das raíñas en cuestión así como cun foro que levará o nome de “O Reino da Galiza a debate” no que as persoas lectoras poderán achegar as súas dúbidas.

As rutas culturais

A cuarta liña de acción consiste na elaboración de oito rutas culturais arredor do Reino da Galiza. As rutas realizaranse nos concellos de Compostela, Cambre, A Coruña, Culleredo, Betanzos e Pontedeume; toda a información ao respecto publicarase cada sexta feira xunto ao coleccionábel. Estas saídas presentan unha vontade cultural e económica, pois pretenden achegar novos contidos para integrar nas promocións turísticas ofrecidas pola Deputación da Coruña.

As oito rutas seleccionadas achegarán información sobre patrimonio histórico a través de diferentes recursos lúdicos, polo que tamén resultan de interese para as crianzas. Nós Diario ten a intención de organizar estas excursións en 2023. O proxecto pretende achegar a información de forma amena e accesíbel para calquera tipo de público.

Un proxecto con perspectiva de xénero

Este proxecto desenvolverase con perspectiva de xénero, un elemento transversal na totalidade dos contidos. Por este motivo, estudaranse as biografías de 17 raíñas galegas co obxectivo de pór en valor o papel central que desenvolveron ao longo da historia. Entre algunhas destas mulleres, afondarase nas figuras de Elvira Mendes, Adosinda Guterres, Urraca I, Xoana I de Castro ou Xoana III de Trastámara.

Comentarios