'30 castelos para descubrir un reino'

O coleccionábel sobre os castelos do Reino pon o ramo coas conclusións

Ten aquí remate o conxunto de entregas sobre castelos e torres galegas que nos puideron axudar a descubrir parte da historia dun reino, o da Galiza. Isto non sería posíbel sen as persoas autoras dos textos e das imaxes gráficas, xa citadas no fascículo introdutorio. Porén, a esta empresa fóronse sumando outras colaboracións ben útiles para enriquecer o conxunto, as de Eva R. Liñeira Caeiro e Marcial Pérez Iglesias: ela, coas súas pescudas e atinadas intuicións; el, coa realización de fotos aéreas de diversos inmóbeis coa axuda dun dron. Oportunas tamén resultaron as propostas e análises de María Obelleiro, directora de Nós Diario, e Roberto Vilameá, xerente de Sermos Galiza SA, empresa editora de Nós Diario. A eles esténdolles a miña gratitude, como acontece con Álex Rozados e Carlos Barros, responsábeis do proceso de maquetaxe dos fascículos. Así as cousas, non menos de 43 persoas foron parte de xeito directo ou indirecto deste proxecto que intentou deitar luz sobre certas construcións que son símbolos, ineludíbeis, do antigo reino da Galiza e, na actualidade e por extensión, da nación galega.
Castelo de Amarante, en Antas de Ulla. (Foto: Damián Porto Rico)
photo_camera Castelo de Amarante, en Antas de Ulla. (Foto: Damián Porto Rico)

Estes símbolos arquitectónicos non serían quen de se conservar sen a acción activa de diversos particulares e colectivos sociais. Velaí fica un número considerábel de asociacións de base que intentaron non só perpetuar tales inmóbeis, senón tamén difundir a súa historia, provocar a súa posta en valor e estimular as administracións públicas para que actuasen nesta liña, alén de incitaren a adquisición de castelos e torres privadas que ían (ou van) esfarelar polo chan. Sen dúbida axudou en tal obxectivo popular a pescuda de datos históricos, o estudo da arquitectura concreta e o rescate de fitos relevantes acaecidos nese edificio e na súa contorna. Un deses chamamentos da cidadanía foi escoitado pola Deputación Provincial de Lugo, ente que se puxo a disposición dela para avanzar na adquisición da emblemática torre de Caldaloba (Cospeito). Oxalá esa fose a tónica habitual de moitas institucións públicas.

Así e todo, e avanzando noutra orde de asuntos, non nos podemos inhibir á hora de analizar o estado deses bens patrimoniais. As restauracións executadas nalgúns deles non sempre resultaron ser as máis acaídas, porén fica a posibilidade da súa mellora e corrección. Eliminar empedrados orixinais de acceso ao monumento arquitectónico, como no caso do Castelo de Monterrei, e incorporar engadidos pouco respectuosos ou modificacións estruturais significativas ocasionan que se lles reste brillo e realidade aos bens protexidos.

Nesa liña hai que englobar aquel emprego de carpintarías metálicas para fiestras e portas (no canto do uso da madeira autóctona) que nada teñen que ver cos materiais tradicionais. Non sobra lembrar que alén de existiren torres e castelos de importancia manifesta por todo o país, poucos son os que non teñen a súa contorna deteriorada for por plantacións masivas de especies invasoras (velaí fican hectáreas e hectáreas de eucaliptais), for por falta de mantemento e roza das masas vexetais que medran ao seu carón, for por actuacións urbanísticas que nin tan sequera respectan os “Bens de Interese Cultural” nin adaptan os proxectos particulares ás arquitecturas propias da Galiza.

A instalación de cablaxe de baixa, media e alta tensión, así como de telefonía, contar de cando en vez cunha liña do horizonte inzada de parques eólicos inflúen en que se poida apreciar debidamente a efixie que proxectan as construcións nobres. Os castelos –advírtase– non son exclusivamente un conxunto de estruturas: torres, cavas e murallas. A súa posición no espazo tamén conta, pois de ser deturpada esta pérdese o diálogo que debe existir entre o castelo e a contorna. Incluso, ademais, gozar do patrimonio monumental na súa amplitude e da paisaxe circundante é un dereito da cidadanía que debe ser respectado desde as administracións públicas; organizacións que cumpriría que velasen por este aspecto xunto co propósito de favoreceren que as persoas particulares puidesen visitar tales inmóbeis cando fiquen en mans privadas.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios