'30 castelos para descubrir un reino'

O Castelo de Vimianzo, escenario de episodios centrais do Reino da Galiza

Érguese o castelo de Vimianzo sobre un outeiro situado na zona nordeste da vila de Vimianzo, rodeado por un foxo de forma ovalada. Escenario de importantes episodios da historia medieval do reino de Galicia, foi disputado por señores laicos (os Mariño e os Moscoso) e eclesiásticos (os arcebispos de Santiago). Durante a Idade Moderna constitúese como centro-reitor da xurisdición de Vimianzo, señorío dos condes de Altamira, e na Contemporánea pasa a ser residencia estival dunha familia fidalga, os Martelo, ata que volve ao poder da Igrexa para pasar, finalmente, á Deputación da Coruña.
Vista nocturna do castelo de Vimianzo. (Foto: Roberto Mouzo)
photo_camera Vista nocturna do castelo de Vimianzo. (Foto: Roberto Mouzo)

A primitiva fortaleza talvez fose construída a finais do séc. XII ou a principios do XIII. Ao ser destruída en 1467 polos irmandiños, hoxe unicamente podemos ver no patio de armas o que deberon ser os alicerces da anterior torre da homenaxe, descubertos durante os traballos de restauración entre 1984 e 1986. Non temos noticias documentais do castelo ata finais do século XIV e daquela estaba en mans dos Mariño, familia nobre que posiblemente descendía dos chamados condes de Traba, poderoso grupo familiar galego dos séculos XII e XIII.

A principios do XIV os Mariño entroncan con outras dúas liñaxes: os Soga e os Lobeira. A finais desta centuria Roi Soga de Lobeira era dono do castelo de Penafiel –no monte do Pindo– e as casas fortes de Vimianzo e Broño, pero seica tiña importantes débedas co rei Xoán I e, ao non llas dar pagado, en 1393 foi decapitado en Noia por orde real. Pasou á historia como o Degolado.

Os Mariño de Lobeira nunca recuperarían as súas propiedades nin o seu poderío, e os seus membros quedarán a partir do século XV como simples escudeiros de señores máis poderosos. O castelo de Vimianzo adquiriuno o arcebispo compostelán Xoán García Manrique, pero despois venderallo a Fadrique Henríquez de Castro, conde de Trastámara.

Os Moscoso cobran protagonismo a principios do século XV. Os seus membros vanse facendo coas propiedades dos Mariño no occidente galego e o xefe da estirpe, Roi Sánchez de Moscoso, o Bravo, xa dispón dun bo patrimonio: as terras de Mens, Nemancos, Soneira, Barcala, A Maía etc. En 1441 nomearao o arcebispo Mendoza pertegueiro maior da Terra de Santiago.

Entre 1425 e 1429 o castelo pasou ás propiedades dos Moscoso, ao ser recibido en dote por Xoana de Castro e Lara cando esta casou con Roi de Moscoso –fillo de Roi Sánchez–, pois o pai dela era tío do xa citado conde de Trastámara, que verdadeiramente gozaba de tal posesión.

[Podes ler este fascículo completo, dentro do coleccionábel 30 castelos e torres para descubrir un reino, comprando o xornal Nós Diario de hoxe, nos quiosques ou en formato dixital na nosa loxa en liña, a través desta ligazón. Cada día, unha nova entrega, totalmente gratuíta co xornal]

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios