Máis

Camiñadas con Castelao

Seguindo a pegada de Daniel por Pontevedra.
Monumento á tertulia en Pontevedra, con Bóveda, Castelao, Paz Andrade, Casares, Cabanillas e o violinista Quiroga. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Monumento á tertulia en Pontevedra, con Bóveda, Castelao, Paz Andrade, Casares, Cabanillas e o violinista Quiroga. (Foto: Nós Diario)

Daniel Afonso Rodríguez Castelao é un dos rianxeiros e galegos máis ilustres. Do paso do que sentou as bases do nacionalismo galego polas vilas da Galiza dannos testemuño as diversas localizacións que estiveron relacionadas dalgunha maneira coa súa vida e que se reflicten nos roteiros que diversos concellos poñen á disposición de veciñanza e visitantes.

É o caso do roteiro Castelao de Pontevedra, que converte a cidade do Lérez nun auténtico museo urbano a través do cal é posíbel percorrer a vida do rianxeiro. Pontevedra tivo unha importancia fulcral na experiencia vital de Castelao, pois foi residencia do político nacionalista e artista durante case 20 anos.

Destas dúas décadas que pasou Castelao na Boa Vila, o seu roteiro selecciona 15 localizacións, recunchos que agochan unha relación co intenso periplo que levou a cabo nesta cidade. Desde o Café Moderno, onde Castelao participou asiduamente en faladoiros, pasando pola Casa do Macelo, onde crea os seus proxectos escenográficos, até a praza de Santa María, onde descansa unha escultura de bronce dedicada a Castelao. Pasando pola rúa da Oliva, onde o rianxeiro realizou a maior parte da súa obra gráfica e literaria. Na súa casa da Oliva foron incautados, tras o golpe de Estado de 1936 a súa biblioteca e moitos cadros que alí conservaba.

Tamén visita o roteiro a praza da Verdura, onde se atopa a Casa do Macelo, na que Castelao realiza as coñecidas máscaras da obra Os vellos non deben de namorarse, ou a rúa César Boente, co pazo da familia Mariño de Lobeira, que conta na súa fachada cos escudos nos que se inspirou para o deseño do escudo da patria galega.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios