A bandeira galega, romeira en Compostela

Foi na peregrinación de Tui a Compostela de 1881. Era porta-estandarte Antonio Wenceslao Mosquera Casqueiro, coñecido propietario e prestixioso avogado de Tui. Finalizada a peregrinación, a bandeira ficou depositada na igrexa de San Francisco. Nese mesmo ano de 1881 chegaba a Ourense a primeira locomotora cantada por Curros.
Cabeceira de 'El eco del Miño'.
photo_camera Cabeceira de 'El eco del Miño'.

Nestes días son moitos os grupos de peregrinación a Compostela que entran na cidade con abundante e chamativa simboloxía española, especialmente bandeiras, e ao mesmo enchen as rúas de cánticos que deberían estar reservados aos recintos relixiosos. Non é a primeira vez que a cidade se enche de simboloxía española, motivo polo que Gaceta de Galicia, xornal sempre atento a remarcar a falta de visibilidade dos símbolos galegos, se fai eco desa circunstancia, como fixo en 1898, cando durante a guerra hispano-ianqui, a cidade se encheu de bandeiras españolas en coincidencia coas festas do Corpus, que nese ano foron o 9 de xuño. 

Gaceta de Galicia, dirixida por Fernández Tafal, quéixase de que en Santiago neses días de festa se pode observar en todos os balcóns e xanelas multitude de “colgaduras” de diferentes formas e tamaños que representan e aluden á bandeira española, mais nen unha soa coa bandeira galega, até o ponto de que o xornalista acode á hemeroteca, neste caso a súa propia memoria, para lembrar que a derradeira vez que viu unha bandeira galega ondeando ao vento foi en maio de 1891 durante o traslado dos restos de Rosalía desde Padrón a Bonaval. 

Cen anos despois

Nestes días, pasados máis de cen anos, veciñas e veciños de Compostela tamén se queixan da nova vaga de patriotismo hispano que fai que grupos de peregrinos entren na cidade portando un bon número de bandeiras españolas e con cánticos e actitudes que non sempre son respeitosos co civismo e coa hospitalidade que tradicionalmente ofreceu a cidade.

Pola contra, a prensa nada di da chegada de peregrinos que porten bandeiras galegas, seguramente porque non existen e porque nen a Xunta de Galiza, nen o Concello nen as autoridades relixiosas teñen interese en fomentar tal uso.

A bandeira galega ondeou á fronte de grupos de peregrinos que se dirixían a Compostela

Mais non sempre foi así e a bandeira galega ondeou á fronte de grupos de peregrinos que se dirixían a Compostela. Así aconteceu nunha de 1881. Concretamente nos días 22 e 23 de agosto. Foron varios os xornais que se ocuparon de tal acontecemento mais imos centrarnos en Gaceta de Galicia, que recolle en dúas columnas as características, as motivacións e o percorrido da peregrinaxe, recoñecendo en pondo en valor a motivación relixiosa ao tempo que se felicita polo incremento de peregrinacións a Compostela.

Este grupo de Tui chegou a Padrón o 22 de agosto, sendo acollido con foguetes e fogos de luces. Foron recebidos pola comunidade de dominicos e, nesa noite, ás 3.30 saíron para Compostela, a onde chegaron ás 9.30 do 23 de agosto. Na igrexa do Pilar déronlles a benvida as autoridades relixiosas, continuando logo, polo Franco, cara a San Francisco. Insiste o cronista en que rezan e cantan dentro das igrexas.

Compoñen a comitiva sesenta romeiros, de todas as clases da sociedade e enumera: sacerdotes, estudantes, propietarios, xurisconsultos, comerciantes, mariñeiros e labradores. Traen “unha formosa bandeira de raso azul e branco coa cruz de Santiago”, bandeira que é entregada e depositada na Igrexa de San Francisco.

A expresión “raso azul e branco” utilízase sempre para identificar quen sexa portador de estandarte ou bandeira coa idea de pertenza a unha comunidade

É importante salientar que, desde 1822 en que se homenaxea na praza da Quintana o batallón literario e a súa bandeira, a expresión “raso azul e branco” utilízase sempre para identificar quen sexa portador de estandarte ou bandeira coa idea de pertenza a unha comunidade. Así acontece na Coruña o 2 de xullo de 1878 nunha procesión cívica onde desfilan “carrozas de raso azul e branco”; ou en Ferrol, no ano seguinte, cando o Orfeón Ferrolano percorre, a pesar da chuva e da saraiba, as rúas da cidade para implorar a caridade pública en favor dos náufragos do Son. Rompen a marcha catro individuos a cabalo, un deles portando “o estandarte azul e branco” do Orfeón. 

No ano de 1880 en El Gallego, periódico semanal: podemos ler “Al santo nombre de la patria, cobijémonos bajo la bandera gallega”. É esa idea de acubillo e protección a que tamén figura na bandeira de Tui que, ademais de ser azul e branca e levar dúas cunchas e a cruz de Santiago, leva tamén bordados, sobre a cruz, un corazón de Xesús e a inscrición: Os fillos de San Telmo ao santo Apóstolo, 1881. Dez anos máis tarde, Tui celebra uns xogos florais que conforman unha clara reivindicación da nación galega en base á asociación de lingua e nacionalidade.

Comentarios