Os exteriores de Meirás abrirán ao público o 30 de xaneiro

Ademais creouse un grupo de traballo con representantes de todas as Administracións para intentar chegar a un proxecto común de usos do complexo entregado ao pobo.
Activistas as portas de Meirás. (Foto: M. Dylan / Pool / Europa Press)
photo_camera Activistas as portas de Meirás. (Foto: M. Dylan / Pool / Europa Press)

A representación do Goberno do Estado español anunciou esta terza feira, no decorrer do encontro de traballo da Comisión Técnica do Pazo de Meirás, que abrirán ao público os exteriores do complexo residencial o sábado 30 de xaneiro. No entanto, dado o avance do coronavirus, semella que haberá fechamento perimetral do municipio polo que as primeiras visitas estarán reservadas para a cidadanía de Sada.

Nun encontro presidido polo secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, e coa participación da Xunta, a Deputación e os Concellos de Sada e A Coruña, aclarouse que a esperanza é que o edificio poida ser visitábel a partir “da segunda quincena de marzo”.

Será “sempre e cando as condicións de seguridade o permitan e rematen os arranxos dos problemas existentes e da instalación eléctrica”. Estes avances mesmo poderían levar a unha presentación á cidadanía paulatina, é dicir, por estancias.

Grupo de expertas

Aliás falar deste tema de apertura ao pobo, as distintas entidades falaron de crear un grupo de persoas expertas para que analicen cales deben ser “o relato e os futuros usos de Meirás”.

A idea completouse co encargo da organización dunha mostra expositiva sobre a historia do pazo e a procura dun convenio de colaboración coas Administracións para manter o inmoble.

O colectivo xa quedou formado onte da maneira a seguir: pola Administración Xeral do Estado, Xosé Manuel Núñez Seixas, Juan Manuel Rodríguez Blanco e Manuel Regueiro López; e pola Xunta da Galiza, Ramón Villares e Isabel Burdiel.

Ademais, en nome da Deputación da Coruña estarán Carlos Babío e Emilio Grandío; polo Concello de Sada, Manuel Pérez Lozano; polo da Coruña, José Alfeirán Rodríguez; pola Real Academia Gallega, a colaboradora de Nós Diario Marilar Aleixandre; e polo Consello da Cultura Galega, Rebeca Blanco Rotea.

Comentarios