Arranca a comisión de Meirás co reto de facer do pazo o "referente" da memoria

A Xunta apela ao consenso para definir os usos que ela mesma racha
O secretario de Estado presidiu a xuntanza, na que están administracións pero non institucións académicas nin memorialísticas. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O secretario de Estado presidiu a xuntanza, na que están administracións pero non institucións académicas nin memorialísticas. (Foto: Nós Diario)

A comisión técnica do pazo de Meirás botou a andar esta terza feira na Coruña cunha perspectiva, marcada desde o Goberno español mais compartida polo resto de administracións participantes –Deputación, Concello da Coruña e Concello de Sada–, agás a Xunta: converter a que foi residencia de verán do ditador Francisco Franco por case catro décadas nun "referente" para a recuperación da memoria democrática.

Confirmouno hoxe o secretario de Estado de Memoria Democrática, Fernando Martínez, quen presidiu este primeiro encontro e quen propuxo a sinatura dun convenio de colaboración para concretar o traballo conxunto arredor do pazo, proxectado a finais do século XIX pola escritora Emilia Pardo Bazán, quen fixo del a súa residencia.
Esa orixe é, para a Xunta, a cerna do simbolismo do conxunto patrimonial situado en Sada, á vista da proposta de usos presentada hai poucos días, nos que se prima a figura da autora sobre a significación histórica dun espazo que durante oito décadas e até este mesmo mes  estivo ocupado polo ditador e pola súa descendencia. O resto de partidos con representación no Parlamento galego ven nesta proposta un intento de "branquear 82 anos de ditadura, fascismo, represión e espolio", tal como censuraba onte a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, e un  intento de "obviar a importancia de defender a memoria democrática", segundo sinalou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. 

Rematado o encontro, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, volveu apelar ao "consenso" institucional para a definición dos usos futuros do pazo, consenso do que se apartou o PP até o ano 2018, ao non apoiar a reclamación da titularidade pública de Meirás de partidos e entidades, e que volveu quebrantar o Goberno galego a semana pasada, na xuntanza das diferentes administracións galegas coa vicepresidenta primeira do Goberno español, Carmen Calvo, na que unicamente o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, defendeu relegar a memoria histórica en favor da figura de Pardo Bazán.

Entre as conclusións desta primeira sesión da comisión cóntase, segundo trasladou a Delegación do Goberno español na Galiza, a posibilidade de que un equipo experto "axude a tomar a decisión máis acaída" respecto aos usos da propiedade, entregada hai unha semana á Administración xeral do Estado en virtude dunha sentenza xudicial –aínda non firme–pola que se anulan os actos administrativos que a atribuían á familia Franco. Antes, o representante estatal mantivera un encontro con persoal investigador e académico.

Precisamente, a exclusión do tecido social do debate sobre o destino do inmóbel, unha vez se confirme xudicialmente a súa titularidade pública, é unha das críticas que o proceso impulsado polas administracións está a colleitar. Hoxe mesmo, o Bloque chamou a "lembrar os colectivos e asociacións que loitaron polo pazo de Meirás e, sobre todo, por pór fin á anomalía democrática de deixar en  mans dos herdeiros do ditador o seu botín de guerra, mentres o PP e o propio Feixóo votaban en contra na Cámara galega da recuperación do pazo. 

Visitas ás Torres

Na comisión de seguimento tratouse tamén a reanudación das visitas ás Torres de Meirás, suspendidas á raíz da sentenza que outorgou a propiedade ao Estado pero que até entón xestionaba a fundación Francisco Franco cunha visión apoloxética da figura do ditador, e que poderían comezar o vindeiro mes de xaneiro.

Neste sentido, o secretario de Estado de Memoria chamou a retomalas "canto antes", e dirixilas a explicar "a realidade da historia recente do Estado español, desde un punto de vista democrático, afastado do enaltecemento do ditador que se realizaba até agora", se ben advertiu das "malas condicións" do interior do pazo, que poderían alongar a espera nesas dependencias. A Xunta propuxo o 25 de xaneiro como data para comezar a apertura dos espazos exteriores.

Comentarios