Sada rexeita o plan de usos para Meirás da Xunta por ir contra "a memoria"

O alcalde do municipio no que está situado o pazo, Benito Portela, sostén que "vai na dirección errada, tanto no fondo como na forma".
Un momento da comparecencia de onte após a entrega da propiedade. (Foto: M.Dylan / Pool / Europa Press)
photo_camera Un momento da comparecencia de onte após a entrega da propiedade. (Foto: M.Dylan / Pool / Europa Press)

O Concello de Sada rexeita o proxecto do Executivo galego para o reaproveitamento do pazo de Meirás unha vez recuperado -polo momento de forma temporal- para o pobo. Despois de que o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, adiantara algo do contido das 'Bases para o plan de usos das Torres de Meirás', no municipio entenden que a iniciativa vai en contra da memoria histórica.

O alcalde da localidade na que se atopa o pazo, Benito Portela, incidiu en que “o señor Feixoo quere que só se fale de Pardo Bazán xa que lle molesta a memoria, sobre todo a histórica e democrática, do franquismo, da ditadura, da represión...”.

Desde o punto de vista do rexedor isto implica fornecer ao público “unha didáctica parcial e interesada do pazo. A memoria non é un xardín”.

“Sen a referencia do franquismo, do que foi e representou a ditadura, e en particular do propio pazo como símbolo e resultado do franquismo, estaríase dando unha interpretación parcial e fraudulenta” da propiedade de Meirás que desde onte está en mans do Estado, indicou Portela a través dun comunicado.

Ao entender do Administración local, co proxecto que adiantou na sede da Real Academia Galega (RAG), o Executivo galego “vai na dirección errada, tanto no fondo como na forma”.

Dúas fases históricas que deben convivir

Alude ao fondo porque a edificación, desde que se declarou BIC en 2008, leva dúas referencias históricas indisolúbeis: a da autora Emilia Pardo Bazán e tamén a do ditador Francisco Franco. Pensa que ambas deben estar presentes nos futuros usos para aprender da historia.

Ademais, desde Sada advírtese de que a Xunta pensou ese programa de forma individual “sen contar coas outras administracións” que estiveron implicadas na consecución da devolución de Meirás.

O Concello ten competencias

“Unha cooperación institucional obriga a un mínimo respecto polas outras administracións e pola propia sociedade civil. Unicamente desde esa cooperación institucional, xunto á necesaria e imprescindible participación das entidades e asociacións da memoria histórica (CRMH e outras) se poderá acordar os usos do Pazo”, subliñou o alcalde.

Indo máis aló, Portela remarcou que o Concello de Sada ten competencias quer urbanísticas, quer de patrimonio cultural sobre o ben. Por iso pediu unha rectificación do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

Comentarios