Luciano Sobral, alcalde de Poio: "Falta valentía no PP para facer institucional o Día da Galiza Mártir"

O alcalde de Poio, Luciano Sobral (BNG), é unha das caras visíbeis das homenaxes polo Día da Galiza Mártir. O acto na Caeira, lugar onde asasinaron a Alexandre Bóveda, é a imaxe que cada ano lembra a memoria das persoas que sufriron o terror da violencia imposta tras o golpe de Estado que trouxo a ditadura ao país.
O alcalde de Poio, Luciano Sobral. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O alcalde de Poio, Luciano Sobral. (Foto: Nós Diario)

—Como será o Día da Galiza Mártir este ano en Poio unha vez rematadas as restricións pola pandemia?
Tratamos de recuperar os formatos que tiñamos antes da pandemia cos actos que estaban previstos todos os anos. Voltamos ao formato habitual engadindo a entrega dos premios Galiza Mártir no propio monumento, e que este ano recaeran nos investigadores Carlos Babío e Manuel Pérez, autores do libro Meirás: un Pazo, un caudillo, un espolio, algo que se realizaba nun xantar despois da lembranza na Caeira.

Consistirá, como outros anos, nun acto institucional e ao mesmo tempo político reivindicando a figura de Bóveda e dos mártires galegos que sufriron a represión durante a guerra civil. Ten un carácter reivindicativo e, ao mesmo tempo, de lembranza e memoria con respecto ao que foi esta traxedia para as galegas e os galegos.

—Entrou na alcaldía en 1995. Cal foi a evolución que tivo o Día da Galiza Mártir no seu municipio?
Desde un punto de vista institucional, evolucionou de maneira moi positiva. É certo que os primeiros anos, en 1995 por exemplo, tivemos dificultades para chegar á “normalidade” que hai agora. Mesmo cando foi a construción do propio monumento a Bóveda na Caeira tivemos bastante polémica na Corporación.

Hoxe está bastante asumida esta data e mesmo é festa local en Poio, atendendo desta maneira as peticións da Fundación Alexandre Bóveda de que os concellos puidésemos ir introducindo este día como festivo. 

O acto tamén é moi familiar ao participar a súa filla, Amalia Bóveda, e os seus  netos. Estamos satisfeitos de como foi evolucionando o Día da Galiza Mártir no noso Concello.

—A data tamén se lembra en Pontevedra. Considera importante esa colaboración?
Desde que chegou o BNG en 1999 á Alcaldía de Pontevedra a colaboración é moi estreita. No acto da Caeira sempre participan conxuntamente connosco.

—Coa súa experiencia, que papel deberían xogar outras institucións na lembranza das persoas que padeceron morte e persecución eses anos?
Na liña do que reclama a propia Fundación Alexandre Bóveda, sería bo que a máxima institución galega, a Xunta da Galiza, institucionalizase este día como unha xornada a celebrar e a reivindicar no calendario galego, ademais de implicarse nas reclamacións en esclarecer a morte de Bóveda e reparar a súa memoria.

Sería bo que a máxima institución galega, a Xunta da Galiza, institucionalizase este día

Recoñecer que foi, é e creo que será unha figura imprescindíbel do noso país. Hai concellos que se están implicando moito, mais despois, a nivel galego, quen está fallando é o Goberno galego, neste caso o PP.  

 —Que razón pode haber para que o PP non o faga?
Hai un trasfondo político, por suposto, e quizais tamén unha falta de valentía política do PP cando hai que tomar unha decisión. A sociedade madurou moito e un Goberno galego que asuma a responsabilidade de recoñecer a Bóveda non tería ningún problema. Nunha institución pequena como a nosa  de Poio vivímolo e hoxe está totalmente recoñecido.    

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios