Xunta e USC asinarán a próxima semana o primeiro convenio do proxecto para que Siri e Alexa falen galego

A Xunta e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) asinarán a próxima semana o primeiro convenio para o desenvolvemento do programa que pretende introducir a lingua galega nas contornas informáticas nos que os usuarios interactúan a través da voz, como as aplicacións Siri ou Alexa.

O Secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García (Foto: Xoán Crespo / Europa Press)
photo_camera O Secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García (Foto: Xoán Crespo / Europa Press)

O acordo entre o Executivo galego e a institución académica da capital galega foi avanzado polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, durante a súa intervención ante a Comisión 4ª do Parlamento, onde respondeu a unha pregunta formulada polo Grupo Popular.

O anuncio chega un mes despois de facerse viral un vídeo en que unha nena galegofalante, Moraima, trata de comunicarse en galego con Siri, mais esta non a entende. Unha peza que espertou polémica e múltiples denuncias polo feito de que este tipo de aplicacións exclúan o idioma propio da Galiza.

Coincide tamén no tempo coa xustificación, por parte do Goberno galego, do uso do topónimo deturpado da illa da Toxa nun foro económico, tamén na mesma comisión parlamentaria, ao entender que é "unha decisión comercial" empregar "La Toja".

A Xunta pon 60.000 euros e a USC, 90.000

A través do convenio, ao que achega a Xunta 60.000 euros e a universidade outros 90.000, investigadores do Citius e do Centro de Supercomputación da Galiza (Cesga) levarán a cabo as primeiras contratacións para a elaboración do proxecto.

Trátase do primeiro paso para o desenvolvemento do proxecto 'Nós', ao que a Administración galega prevé destinar 15,5 millóns de euros para introducir o galego entre os idiomas que usan as aplicacións informáticas accionadas por voz e outros sistemas como correctores, tradutores automáticos e procesadores de texto.

Unha iniciativa que, como apuntou o responsábel de Política Lingüística, figura na candidatura galega para optar a fondos europeos Next Generation e que, di, espertou o interese doutros gobernos con lingua propia.

En todo caso, a pesar de que o convenio que será asinado coa USC será o primeiro para a súa posta en marcha, Valentín García apuntou que xa se produciron os primeiros pasos para o desenvolvemento dun proxecto que definiu como "moi ambicioso" e que "vai máis aló" do ámbito "meramente" lingüístico.

Obxectivos do proxecto

O proxecto 'Nós' abarca o deseño de varios recursos para que o galego figure entre as opcións lingüísticas dos apartos de última xeración. En primeiro lugar, desenvolverase un sintetizador de voz que permita a terceiros incluír nos seus produtos voces artificiais de alta calidade en galego e posibilite escoller xénero, idade, etcétera.

Un segundo apartado será un reconocedor de fala que permita a interacción persona-máquina ou a substitución automática. O terceiro, un xerador de lingua natural, que converta datos estruturados en oracións en galego, tanto textuais como orais.

Tamén está prevista a creación dun sistema de diálogo xenérico, isto é, un axente conversacional textual en galego de carácter xeral, que poderá ser adaptado a dominios específicos por terceiros.

Igualmente, un sistema de resposta a preguntas, tanto a través de texto como de voz; un tradutor automático a outras linguas e viceversa, con entrada textual ou por voz e un sistema de corrección lingüística automática, tanto ortográfica como léxica e gramatical.

Comentarios