A Xunta promete aos centros concertados que reducirá “ao mínimo posíbel” a Lei Celaá

A delegada territorial do Goberno galego en Vigo, Marta Fernández-Tapias, falou con representantes de colexios privados dunha lei que quere “impoñer un único tipo de ensino”. A Lomloe é a norma que abre a porta a que o castelán non sexa a única lingua vehicular na educación.

Reunión da delegada territorial da Xunta con representantes de colexios concertados. (Foto: Xunta)
photo_camera Reunión da delegada territorial da Xunta con representantes de colexios concertados. (Foto: Xunta)

A Xunta, por boca da súa delegada en Vigo, comentou hoxe que o seu obxectivo é “reducir ao mínimo posíbel” a aplicación da Lei Celaá -que, entre outras cousas, abre a porta a que o castelán deixe de ser a única lingua vehicular no ensino- na educación galega.

Así o comentou Marta Fernández-Tapias nunha xuntanza de traballo con representantes de distintos centros concertados das proximidades. Respecto á Lomloe (ou Lei Celaá) insistiu en que aplicarán o mínimo dos seus articulados na medida “en que o permita” a norma.

A delegada estivo na reunión coa plataforma Más Plurales a petición do propio colectivo que quería coñecer o punto de vista do Executivo galego ante a oportunidade de que o galego gañe peso nas escolas, entre outras cuestións.

Despois dese achegamento de posturas, Fernández-Tapias subliñou que a Lomloe é “reducionista” por cuestións como “impoñer” o centro escolar no que deben estudar as crianzas.

Neste sentido, a Xunta critica que se afecte á decisión das familias. A modificación da LOE, que saíu aprobada do Congreso e está agardando a ser verificada no Senado, implica “impoñer un único tipo de ensino, deixando sen elección ás familias”.

Por iso entende que promove unha “minoración da calidade educativa” e a “desigualdade” entre o alumnado.

Confrontación polo idioma

Desde o punto de vista da representante do Goberno galego a debatida lei quere “crear unha confrontación no ámbito da lingua, que na Galiza é inexistente”. Ao fío desta consideración, que xa manifestara hai semanas o concelleiro de Educación, Román Rodríguez, a delegada defendeu que “a Xunta cre na calidade educativa, no plurilingüismo e no dereito dos pais e nais a decidir”.

Contrapuxo este discurso ao suposto interese do Executivo estatal. Sobre o equipo de Pedro Sánchez, dixo que perdeu unha “oportunidade histórica para o consenso” ao facer as modificacións “ás costas das comunidades autónomas”.

No entanto, non toda a sociedade galega coincide con esta visión, pois esta mesma quinta feira movementos de renovación pedagóxica, colectivos de profesorado, Anpas e A Mesa pola Normalización Lingüística xuntáronse para instar ao presidente, Alberto Núñez Feixoo a dialogar “para cumprir coas demandas do Consello de Europa, da ONU, da sociedade galega e da propia comunidade educativa”.

Comentarios