Unha concentración diante da sede do PP pídelle que retire a iniciativa parlamentar “contra o galego nas aulas”

Os concentrados reclaman ao Partido Popular que “cese” nas súas políticas contra a presenza do idioma propio no ensino.

galego @onosolar
photo_camera Unha imaxe da concentración (Foto: CIG-Ensino)

Unha concentración diante da sede do PP de Galiza, en Compostela, demandou que esta organización retirase a proposición non de lei “contra o galego no ensino”.

A concentración, convocada pola Mesa, situou a iniciativa do PPdeG para reclamar a defensa do castelán como “lingua vehicular” do ensino na falla de recoñecemento por parte desa formación do “plurilingüismo” que existe no Estado.

“O PP debe retirar esa iniciativa, que só se pode entender na súa política de intentar recuar calquera mínimo avanzo que haxa para o galego”, manifestou Marcos Maceira, da Mesa.

Neste sentido, sinalou o ‘decreto de plurilingüismo’ aprobado no seu día polo Goberno de Núñez Feixoo como exemplo da política para o galego no ensino do PPdeG: “Aumentou a carga horaria das materias onde está prohibido ensinar en galego”.

Lembrou a resposta social a esas políticas contra o galego e tamén como desde organismos como a Comisión europea se mostrou o seu desacordo coas mesmas.

“O PP debe rectificar, debe escoitar a sociedade, as Anpas, as organizacións de docentes...”, solicitou Maceira. Así, puxo o exemplo da de como a comunidade educativa elaborou unha proposta para a normalización do galego no ensino. “O conselleiro aínda non nos respondeu”, indicou.

Esta proposta é un documento conxunto da Mesa pola Normalización Lingüística e movementos de renovación pedagóxica (AS-PG, Nova Escola Galega), Anpas (Confederación de Anpas galegas) e organizacións sindicais (CIG, STEG, CSIF) para un modelo de sistema educativo co galego como lingua vehicular e de aprendizaxe 

A Mesa advirte ao PP que haberá máis mobilizacións e concentracións se non retira a proposición non de lei

Comentarios