O conselleiro de Educación sobre a ‘Lei Celaá’: “Vendeu a lingua común de España por unha compravenda a un partido nacionalista”

Román Rodríguez:"Eu non vou a decir se o castelán está ou non en perigo".

xunqueira, cifp, román rodríguez, educación, mamparas, covid-19
photo_camera O conselleiro Román Rodríguez, á dereita.

Román Rodríguez, conselleiro de Educación e Cultura, considera que na ‘Lei Celaá’ o Goberno español “vendeu a lingua común de España por unha compravenda a un partido nacionalista”, en referencia a ERC e a emenda sobre a lingua vehicular. O conselleiro, entrevistado na Cadena Ser Galicia, asume así o argumentario duro da Rúa Génova, disposta a volver ao ’conflito lingüístico’ e ás campañas de persecución do español.

Porén, a preguntas de se considera que o castelán está en perigo, refusou responder claramente e sinalou “eu non vou dicir se o castelán está ou non en perigo”. Iso si, engadiu que sentía preocupación ao ver como “socialistas” como Méndez Romeu ou César Molina consideraban que o castelán si que está en perigo mentres que “Rufián está contento”.

En declaracións á Ser, Rodríguez é moi crítico coa lei  Celáa, acusa o Goberno de Pedro Sánchez lexislar cun “nesgo  idelóxico” nunha materia tan sensíbel como a educación. "A nova lei pon en risco modelos que funcionan ben como o modelo galego... Hai puntos que están enriba da mesa como o uso da lingua, estamos ante unha lei que se mire como se mire, que ten un profundo nesgo ideolóxico, e que se utiliza como moeda de cambio dende a perspectiva política, onde un partido metía unha emenda se conseguía un apoio aos orzamentos... É a peor forma de tramitar una lei tan transcendente para o noso futuro".

Rodríguez acusa o Goberno de Pedro Sánchez lexislar cun “nesgo  idelóxico” nunha materia tan sensíbel como a educación.

O pleno do Congreso aprobou 19 de novembro, o ditame da comisión de Educación sobre a Lomloe, a reforma educativa coñecida xa como 'Lei Celaá'. O ditame que se aprobou recolle algunhas das emendas aprobadas nas últimas semanas e que xeraron forte enfado na dereita española como é a consideración dos idiomas cooficiais no Estado como linguas vehiculares nos Països Catalans, Galiza ou Euskal Herria. Ante isto, o PP, Cs e Vox xa anunciaron que levarán a nova lei ao Tribunal Constitucional para tombala.

O texto tamén inclúe outros cambios como o aumento de prazas públicas na educación de 0 a 3 anos, a oferta "suficiente" de prazas públicas, que a materia de relixión non conte para as notas medias, a prohibición de que os concertados segreguen por sexo, a cesión de solo público exclusivamente á construción de centros de titularidade pública, a fixación da "excepcionalidade" da repetición de curso, a inclusión dunha cuarta modalidade de bacharelato máis xeral, ou a derivación de alumnado de centros de Educación Especial a centros ordinarios no prazo de 10 anos.

Comentarios