Un videoclip para celebrar os aniversarios en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística e o Concello de Carballo presentan o videoclip "Parabéns para ti", para festexar en galego os aniversarios.

Até tres veces canturaxaron os nenos e as nenas o "Parabéns para ti" na presentación do videoclip que leva ás redes sociais a adaptación en galego da popular canción de celebración do aniversario. A primeira fixérono timidamente. A segunda, soaron as palmas. A terceira, cantaron a coro nais, pais e minchas cun sorriso de orella a orella.

É habitual nas redes sociais felicitar o aniversario cun videoclip con algunha das tradicionais cancións que os parabeniza. Até o de agora, non había a posibilidade de facelo en galego. Coa intención de cubrir este oco, a Mesa pola Normalización Lingüística e o Concello de Carballo presentaron nesta cuarta feira, na Biblioteca Rego da Balsa de Carballo, a canción e o videoclip "Parabéns para ti", animando a celebrar na lingua propia os festexos de aniversario.

Dende o Xabarín Club, non existía ningún material deste tipo para a felicitación do aniversario. "A idea é achegar ferramentas para que se use o galego en situacións tan habituais como a celebración do aniversario, onde se deu un proceso de substitución do galego polo español", afirma o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, quen sinala a importancia deste tipo de iniciativas para compensar o absentismo do actual goberno galego.

Redes sociais e educación infantil

A proposta vai dirixida, fundamentalmente, a dous ámbitos de actuación: as redes sociais e a educación infantil, tal e como subliña o técnico de Normalización Linguística de Carballo, Nel Vidal. Até o de agora, para parabenizar o aniversario o habitual, nas redes sociais, era acudir a outras linguas, adoito o español ou o portugués. No espazo do ensino infantil e nos espazos de socialización infantil, como as ludotecas, o "Cumpleaños feliz" está por completo instalado. O "Parabéns para ti", adaptada polo músico carballés Nanny Mouro, pretende reverter esta situación.

"Parabéns para ti / nesta data querida / Moitas felicidades / Moitos anos de vida. / Hoxe é día de festa / cantan as nosas almas / para ti miña vida /  unha salva de palmas!, di a canción, que ten a da nena Paula Fraga como voz principal e ás cativas Carla Serrano, Julia Antelo, Noah Abelenda e Sara Pose nos coros. O videoclip conta coa participación de ao redor de corenta cativos do coro carballés Vagalume, que se encargaron da posta en escea, na biblioteca Rego da Balsa, inaugurada o pasado outono en Carballo. A canción gravouse nos estudios da Escola da Rúa. Da gravación e produción do vídeo encargouse Mamá Lola estudios.

Comentarios