Representantes do tecido sociocultural de Compostela apoian o pleno uso do galego en todos os ámbitos

O acto de lectura da ‘Declaración de compromiso coa lingua galega’, organizado polo BNG compostelán co gallo do Día das Letras, celebrouse perante a estatua de Rosalía

Representantes de asociacións, colectivos e entidades do tecido sociocultural de Santiago de Compostela reivindicaron, coa lectura de diversos textos, o uso pleno do idioma galego en todos os ámbitos. Fixérono no marco da ‘Declaración de compromiso coa lingua galega’, organizado polo BNG da capital da Galiza, e perante a estatua de Rosalía, na alameda compostelá.

A responsábel local do BNG de Santiago, Goretti Sanmartín, deu lectura a este manifesto, mediante o cal sinalan que “a lingua galega é a única maneira que temos de percorrer o espazo que se move desde Grixoa a Conxo, desde Busto a Marrozos, desde Figueiras a Carballal, desde a capela de San Fiz á carballeira de Santa Susana, desde a Finca do Espiño á rúa das Letras Galegas, desde a Colexiata de Sar á rúa de San Pedro. A lingua galega é a que fai que esta cidade sexa moito máis monumental do que parece nunha primeira ollada feita desde o exterior, desde o alto, desde o lonxe”.

No manifesto recóllese que “o pobo compostelán orgullouse sempre do emprego do galego e, fronte a outros lugares que mostran unha casuística moi complexa, reivindicou con forza e entusiasmo o seu uso e foi un foco irradiador de compromiso lingüístico. E toda a grandeza desta empresa aconteceu quer dunha maneira espontánea, respondendo á tradición das clases populares que o mantiveron vivo, quer dun xeito consciente, coa pretensión de o converter no máximo instrumento de cultura e de creación sen por iso esquecer a coherencia de ser levado a todos os ámbitos e de poder ser utilizado en todas as circunstancias”.

Comentarios