Palabras con memoria: O corpo tamén se manifesta

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Adoita empregarse 'crica' para se referir á mucosidade líquida que pinga do nariz cando un está arrefriado (Foto: Nós Diario).
photo_camera Adoita empregarse 'crica' para se referir á mucosidade líquida que pinga do nariz cando un está arrefriado (Foto: Nós Diario).

azamboado/a.- (Ademais de significados xa rexistrados) Utilízase para se referir á cor que presenta alguén que non anda ben da circulación. Trátase dunha cor morada, como dunha mazadura.

Lugar de escoita.- Santa Cristina de Fecha (Santiago de Compostela).

Fonte.- Xermán García Cancela.

crica.- (Ademais dos significados coñecidos) Mucosidade líquida que pinga do nariz cando un está arrefriado.

Exemplo.- “Sóate, que che está caendo a crica.”

Lugar de escoita.- Moa-Vilatuxe, Serra do Candán (sudoeste do concello de Lalín).

Fonte.- Daniel Blanco Moa.

escarmonado/a.- Rabuñado, carpido.

Exemplo.- “Caeu no silveiro e saíu todo escarmonado.”

Lugar de escoita.- O Saviñao (Lugo).

Fonte.- Andrés Lombardía Crespo.

Outros apuntamentos.- A fonte inclúe a forma do participio sen d para o masculino: escarmonao.

macicadura.- 1.- Acción de golpear alguén con forza e reiteración. 2. Consecuencia da acción ser golpeado/a.

Exemplo.- “Vouche dar unha masicadura que non te vas poder sentar nunha semana.”, “Teño unha masicadura no corpo.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Teresa Otero Loaira.

Outros apuntamentos.- Pronúnciase con seseo. Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

tantarantán.- (Ademais de significados xa rexistrados) Labazada.

Exemplo.- “Se me volves preguntar o mesmo, vouche dar un tantarantán.”

Lugar de escoita.- Burela (Mariña luguesa).

Fonte.- Mario Ferreira López.

Comentarios