Palabras con memoria: haiche de todo

Nova edición das 'Palabras con memoria' de Ramiro Torres.
Oficina desordenada (Foto: Nós Diario).
photo_camera Oficina desordenada (Foto: Nós Diario).

Chavellar.- Tocar ou mover unha cousa sen orde. Argallar, remexer.

Lugar de escoita.- Seivane (Lugo).

Fonte.- María Teresa Castro Novo (nai de Alejandro Martínez Castro).

Outros apuntamentos.- Enviada por Juncal Martínez, do IES Leiras Pulpeiro de Lugo.

Chonar.- Confundir.

Exemplo.- “O demo te chone!”

Lugar de escoita.- Castro, Valdoviño (Ferrolterra).

Fonte.- Eva Seoane Martiño.

Gamada.- (Ademais de significados rexistrados) Bocadela de aire que se aspira dun cigarro.

Exemplo.- “Deulle unhas gamadas ao pito antes de tiralo.”

Lugar de escoita.- O Morrazo.

Fonte.- Manuel Durán.

Outros apuntamentos.- Pronúnciase con gheada. Grupo Maré do Morrazo, formado por Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González Barreiro, Henrique Harguindey Banet, Xosé Martínez García, Ramón Rocamonde Gómez e María Emma Tilves Pazos.

Parrallada.- Cousa de mal gusto.

Lugar de escoita.- Muxía.

Fonte.- Proxecto Buserana de Muxía.

Quenquén.- Mentira.

Exemplo.- “O que me dis é de verdade ou de quenquén.”

Lugar de escoita.- Vimianzo (Costa da Morte).

Fonte.- Xosé Gándara.

Outros apuntamentos.- A fonte di que se trata dunha palabra usada na linguaxe infantil e que un grupo de teatro de Camariñas levaba (ou leva) ese nome: Teatro do quenquén.

Comentarios