luns 06/12/21

A Mesa insta a Xunta e Estado a acatar as recomendacións sobre o galego do Consello de Europa

Exixen á Xunta da Galiza e ao Goberno español sentar e dialogar sobre a situación do galego e acatar as recomendacións de obrigado cumprimento do Consello de Europa.

Manifestación de Queremos Galego pola lingua. Foto de arquivo.
Manifestación de Queremos Galego pola lingua. Foto de arquivo.

O Consello de Europa fixo público o informe de avaliación a medio termo do quinto ciclo de avaliación da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas elaborado polo comité de expertos deste tratado internacional, onde se constatan de novo os incumprimentos respecto ao galego. O documento insta ademais a informar das accións tomadas para cumprir o tratado antes do 1 de agosto de 2023.
 
Tal e como recolleu Nós Diario na quinta feira, 1 de abril, nunha información sobre as conclusións do comité de expertos, o informe sinala a gravidade da situación no ensino, indicando que segundo o compromiso do Estado e da Xunta "o ensino debe ter o galego como lingua de instrución" e que "o marco legal actual é contrario aos compromisos do Estado español", polo que "non todas as limitación ao ensino en galego foron eliminadas" tal e como está comprometido.

Neste sentido alerta sobre o feito de que 23,9 % de menores de 15 anos non sexan capaces de se expresarse en galego.

A respecto da Xustiza, o Consello de Europa continúa a insistir na necesidade de asegurar o uso do galego nos procedementos xudiciais a petición dunha das partes, a través da reforma da Lei orgánica do poder xudicial.

O Consello de Europa insta ademais a incluír a protección do galego nos estatutos de Asturies, Castela e León e Extremadura nos territorios destas comunidades autónomas onde se fala.


Presións do Goberno español e Xunta
 

A Mesa pola Normalización Lingüística xa denunciara en febreiro deste ano “as manipulacións do datos ofrecidos polo Estado ao comité de expertos para esta avaliación”, que foron contestados pola Mesa a petición do propio comité de expertos. O informe documentado e detallado presentado pola entidade en defensa da lingua “foi tido amplamente en conta polo comité de expertos que non cedeu á presión do Goberno español e da Xunta”, valora A Mesa nun comunicado emitido este sábado, 3 de abril.
 
Ademais, a Mesa insiste en que a Xunta debe sentar, falar e chegar a un acordo sobre o galego no ensino cos sindicatos, movementos de renovación pedagóxica, asociación de nais e pais e a propia Mesa, que elaboraron unha proposta de bases para a normalización no ensino, a única proposta existente neste momento que cumpre coas exixencias do Consello de Europa.
 
A entidade en defensa da lingua xunto a outras entidades do Estado presentou o pasado 9 de marzo unha iniciativa no Congreso instando a facer efectiva a Carta Europea das Linguas. Aínda que finalmenteforon aprobados 3 dos 8 puntos propostos, a Mesa séguese a coordinar coas outras entidades para que o Estado avance no cumprimento dos seus compromisos e, segundo sinalan, nuns días anunciarán novas accións.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A Mesa insta a Xunta e Estado a acatar as recomendacións sobre o galego do Consello de...
comentarios