O PP rexeita aumentar a presenza do galego en educación: “Na Galiza non existe un problema lingüístico”

Mercedes Queixas instou o Parlamento galego a colocarse “a favor da lingua galega”.  

A deputada do BNG, Mercedes Queixas, esta terza feira no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG, Mercedes Queixas, esta terza feira no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)

O PP rexeitou este martes cos seus votos unha moción presentada polo BNG na que se reclamaba medidas consensuadas de impulso ao uso do galego, aumentar a súa presenza en educación e actualizar o Plan de Normalización Lingüística, que este exercicio fai 40 anos.

A iniciativa, defendida no Pleno pola deputada nacionalista Mercedes Queixas, contou co apoio do PSdeG, que a emendou para reclamar que se reforce tamén a presenza deste idioma nas actividades extraescolares. Con todo, o PPdeG rexeitouna, defendendo os resultados da actuación da Xunta nesta materia e apuntando que “na Galiza non existe un problema lingüístico".

A moción presentada polos nacionalistas instaba á Xunta a deseñar "desde o consenso" un plan específico para "superar a debilidade recollida no Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030 con respecto ao estancamento do uso habitual do galego" co obxectivo de "garantir que a cidadanía teña garantida a posibilidade de vivir en galego en todos os ámbitos".

Así mesmo, solicitaba a convocatoria no actual período de sesións dunha mesa de traballo con axentes sociais, educativos e sindicais para "acordar as bases dun novo modelo lingüístico educativo para avanzar na igualdade do galego no ensino" e pedía iniciar "un proceso de diálogo" para actualizar a Lei de Normalización Lingüística, en vigor desde hai 40 anos.

Colocarse "a favor do galego"

Na súa intervención, Mercedes Queixas instou o Parlamento colocarse "a favor do galego", sobre todo en relación ás novas xeracións, e mencionou aspectos do día a día nos que a súa presenza é menor, como o audiovisual ou o ámbito dos xoguetes.

A deputada nacionalista fixo fincapé no ámbito da educación e reclamou "consenso" para actualizar a Lei de Normalización aos tempos actuais. "A vostede válelle un traxe seu de hai 40 anos?", preguntou ao deputado popular encargado da resposta, a quen dixo que "o éxito" do modelo do PP en materia lingüística é "facer que o galego retrocedese e non avanzase".

"Seguen enrocados no negacionismo", asegurou Queixas tras coñecer o voto negativo dos populares, aos que acusou de estar "atados de pés e mans ao sector máis ultra", caracterizado pola "galegofobia".

Na mesma liña, a deputada socialista Noa Díaz pediu ao PP que "abandone esa posición de trincheiras" e se una a un "diálogo construtivo" en relación ao galego e a mellora da súa situación. Xa centrada na iniciativa, que apoiaron, concordou na necesidade de actualizar con "novos obxectivos" a Lei de Normalización Lingüística, e traballar no ámbito educativo. "É necesario e urxente un pacto social e político para establecer un novo modelo lingüístico educativo", dixo Noa Díaz, que asegurou que distintas entidades alertan de que "a escola, na Galiza, está a actuar como axente desgaleguizador".

"Prefiren a confrontación"

Pola súa banda, o deputado popular José Luis Ferro defendeu a actuación da Xunta na materia, os seus resultados, e o seu "modelo sen confrontación e loitas lingüísticas", unha actuación que, sostivo, "logrou o maior índice de coñecemento do galego da historia" de Galicia.

"O bilingüismo é unha realidade", expresou o representante do PP, que considerou o da Galiza "un modelo de éxito" fronte a un intento de crear "unha comunidade monolingüe". "Non sabemos cal é o modelo que vostedes propoñen", preguntou José Luis Ferro ao BNG, cuestionando "se están a favor do respecto ao consenso lingüístico" ou "prefiren a confrontación", e se "apostan pola convivencia e o plurilingüismo" ou "pensan que se pode obrigar a falar unha lingua por decreto".

Comentarios