venres 21.02.2020

O galego esmorece en Asturias: O movemento normalizador demanda dereitos para o eonaviego Nós Diario

Mentres as forzas políticas pelexan a conta do estatus xurídico das linguas faladas en Asturias, o movemento a prol da normalización da variante eonaviega do galego tenta inverter o proceso de perda progresiva de falantes. 50.000 persoas residentes no espazo xeográfico e cultural delimitado polos ríos Eo e Navia teñen a última palabra.
A Veiga, primeiro concello de Asturias onde o galego é oficial.
A Veiga, primeiro concello de Asturias onde o galego é oficial.

A situación do galego en Asturias ocupa outra vez o primeiro plano da actualidade política. A proposta de reforma do Estatuto de Autonomía de Asturias, promovida por Unidas Podemos, co obxectivo de fixar a oficialidade do asturiano e do galego, a disposición da actual maioría de Goberno do Principado a introducir as modificacións lexislativas precisas para garantir un novo réxime xurídico para as dúas linguas ou a negativa das forzas da dereita a calquera cambio nese sentido avivan con particular intensidade un debate en que a poboación do Eo-Navia aparece as máis das veces como unha convidada de pedra.

Os colectivos que traballan pola normalización do eonaviego observan con preocupación os termos da discusión e algunhas das propostas formuladas. Neste sentido, discrepan da alternativa defendida polas forzas políticas que apostan pola oficialización en Asturias dos idiomas diferentes ao español, ao estabelecer un estatus xurídico distinto para o asturiano e para o galego. Así, na reforma do Estatuto de Autonomía defendida por Unidos Podemos fixábase a oficialidade do asturiano para o conxunto do territorio, limitándose a da variante eonaviega do galego á area xeográfica do Eo-Navia.

Abel Pérez ten dúbidas. Músico, produtor, activista cultural e impulsor da oficialización do galego na Administración local na súa etapa de concelleiro socialista na Veiga, expresa, en declaracións a Nós Diario, "as dúbidas sobre un proceso onde falla concreción" e que "a realidade lingüística do Eo-Navia ocupa un lugar secundario". Nesa liña apunta que "non recoñecer a oficialidade do eonaviego no conxunto do Principado implica dar por bo un estatus diferente ao da lingua asturiana, oficial en todo o territorio".

O temor do movemento a prol da restauración do galego de Asturias é que a proposta de oficialización signifique a institucionalización do modelo recollido na lexislación vixente en materia lingüística. A este respecto, en declaracións a Nós Diario, o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, afirma que "o nivel de protección do galego en Asturias é moi inferior ao dos territorios galegofalantes de Castela-León, onde o carácter oficial do galego está recollida no Estatuto, permitindo un papel de arbitraxe dos organismos internacionais".

O Colectivo Eonaviego, entidade que agrupa o movemento normalizador, nun informe remitido en 2019 ao Consello de Europa, ao que tivo acceso Nós Diario, sinalaba "unha diferenciación clara entre a cidadanía asturiana: por un lado, as asturparlantes cos seus dereitos ben recoñecidos, aínda que non se cheguen a plasmar con total contundencia, polo outro, as galegofalantes de Asturias que non teñen recoñecidos os seus dereitos de atención fronte ás Administracións públicas asturianas nos concellos onde se fala de maneira tradicional o eonaviego, sen poder, teoricamente, dirixirse ás Administracións centrais do Principado de Asturias en eonaviego por unha falla de visión espacial das leis vixentes".

O actual marco legal é unha fonte constante de conflitos para as galegofalantes das terras do Eo-Navia. A día de hoxe, existen problemas para empregar o eonaviego na comunicación cos diferentes organismos dependentes do Executivo asturiano. Na mesma liña, asístese a un incumprimento xeneralizado por parte de todas as Administracións do uso da toponimia oficialmente aprobada e publicada en diferentes fases do Boletín Oficial do Principado de Asturias, sexa en documentos públicos ou na paisaxe lingüística.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

comentarios