martes 09/03/21

Xabier Domínguez, Antela Editorial: "Hai pais e nais que falan castelán mais queren que os seus fillos coñezan a nosa lingua"

En tempos de pandemia tamén nacen proxectos editoriais. En Vilar de Barrio xurdiu, a mediados de 2020, Antela Editorial. Partindo dun grupo de amigas e amigos, da que forman parte Alba de Evan e Xabier Domínguez, e baixo o paraugas legal dunha asociación cultural, bota a andar esta iniciativa solidaria, comprometida coa transparencia que busca porcentaxes xustas para creadoras e creadores mais potenciar o libro infantil e xuvenil que fomente valores e respecto polo medio ambiente.  
Xabier Domínguez e Alba de Evan, de Antela Editorial, mais dúas das obras que editaron (Nós Diario)
Xabier Domínguez e Alba de Evan, de Antela Editorial, mais dúas das obras que editaron (Nós Diario)

Como nace esta editorial?

Xunto a un grupo de amigos e a miña compañeira, Alba de Evan, escribimos literatura infantil e xuvenil, con varias publicacións, e notamos que faltaba unha editorial 100% galega. Hoxe en día moitas empresas, sobre todo as grandes, externalizan todo e producen fóra para abaratar custos. A nosa intención foi, desde un principio, que desde o deseño até o prelo, todo o proceso, se fixese na Galiza. 

Alba mais eu somos mestres e queriamos desenvolver a parte educativa. Libros hai moitos, mais non predominan aqueles que traballen en valores, que fomenten a solidariedade e o respecto polo medio ambiente. Por iso, pretendemos que os nosos libros sexan reciclados. De feito, a caixa de envío das obras fíxose con cartón reempregado e a propia caixa convértese nunha casiña para que xoguen as nenas e os nenos, para dar unha segunda vida.

Os custos de edición son maiores mais como a idea non é facernos ricos, queremos un produto que nos veña de dentro e poida achegar algo... facémolo con agarimo. Tamén queremos mudar as porcentaxes tan baixas que levan as autoras e os autores así como as e os ilustradores, todas agora mesmo ao redor dun 10%. Para conseguilo aforramos en distribución.

De onde xurdiu a idea de colaborar con organizacións non gobernamentais?

Tivemos unha pequena experiencia hai algúns anos coa obra para público infantil A superavóa de Antón e quedaramos moi contentos. Ademais de educar en valores solidarios e no respecto ao medio ambiente, decidimos que unha porcentaxe de cada libro que se vendese fora para unha ONG relacionada coa temática do volume. 

O primeiro que editamos foi Fronteiras de papel, que trataba o tema da emigración e decidimos que un 10% de cada exemplar recaería na asociación pro-vivenda que axuda persoas emigrantes e refuxiadas a procurar un novo fogar. Con este último de Soños de Cajamarca, coordinado polo escritor Xavier Estévez, colaboramos co proxecto Aulas abertas de Vigo, que traballa en Perú. Participan autoras e autores moi relevantes como An Alfaya, Paula Carballeira, Ramón Caride,  Pere Tobaruela ou Antía Yañez. 

Como ven o momento actual da literatura infantil e xuvenil galega? 

A literatura infantil e xuvenil ten un tratamento como “de segunda división”. Colle cada vez máis importancia e é fundamental o seu papel porque se non se le desde pequenos non haberá lectores adultos. É moi importante para as cativas e os cativos a nivel emocional e de crecemento persoal.

Aínda así, ese segmento de lectoras e lectores é o que máis vende, non?

Si. Cada vez  hai máis editoriais de adultos que se meten na literatura infantil e xuvenil. Hai moi boas escritoras e escritores e estase a pór en valor. Quero crer que hai pais e nais que falan castelán, mais están sensibilizados e queren que os seus fillos coñezan a nosa lingua. As estatísticas din o contrario, non sei, é contraditorio.

É difícil crear e manter unha editorial no rural? 

Por un lado temos moitas dificultades, partindo da propia calidade de internet no rural, que é mala. Despois, en Vilar de Barrio non dispomos de servizos básicos como correos e temos que desprazarnos a Xinzo de Limia ou até Ourense, cando facemos os envíos. Mais iso si, notamos que para a xente é algo positivo. Alégranse de que haxa vida no rural máis alá de dedicarse á agricultura e á gandaría. É importante que se saiba que hai posibilidades de traballo alén das máis coñecidas.

comentarios