Promoven unha concentración en contra da política do PP co galego

A Mesa pola Normalización Lingüística anima a asistir, coas medidas de seguridade, á protesta que terá lugar a terza feira, 18 de novembro, ás 11.30 horas ante a sede do PPdeG.

 

Imaxe da campaña de protesta de hai uns días. (Foto: A Mesa)
photo_camera Imaxe da campaña de protesta de hai uns días. (Foto: A Mesa)

Após a última consideración do PPdeG a respecto de que o castelán poida deixar de ser lingua vehicular no ensino en virtude dun pacto estatal do PSOE, Unidas Podemos e Esquerra Republicana, o movemento na defensa da validez do galego neste ámbito mantén o tipo e a forza para protestar e reclamar “Nunca máis gobernos contra o galego!”.

O secretario xeral do PP, Miguel Tellado, defendía hai unha semana a necesidade de que o castelán tivera o papel vehicular a pesar das modificacións que inclúe la norma educativa a chamada Lei Celaá. Hoxe, o partido procurou un “rexeitamento da Cámara ante calquera modificación que posibilite que galego ou castelán deixen de ser vehiculares no ensino, poñendo así en perigo o equilibrio entre as dúas linguas cooficiais”.

Esta acendida defensa popular do castelán tivo unha pronta resposta por parte dos colectivos a prol do galego. Tamén das e dos particulares que entenden que a lingua do país é igualmente válida no ensino.

Como exemplo dese interese que está presente na sociedade galega, a Mesa pola Normalización Lingüística vén de convocar unha concentración ante a sede do PP de Galiza en San Lázaro (Compostela) a próxima terza feira, 18 de novembro.

A idea é berrar todas xuntas “Nunca máis gobernos contra o galego!” como crítica á iniciativa do partido “contra o recoñecemento da pluralidade lingüística na LOMLOE para reducir (máis) o galego nas aulas”.

“É esta a resposta que dá aos requerimentos de eliminar as limitacións á lingua do Consello de Europa, á comunidade educativa e á sociedade galega?”, pregúntanse desde a organización que convoca. De feito, entende que se o PP non cambia de idea vaise “promover unha nova catástrofe lingüística”.

Despois de ser tendencia en Twitter esta semana con hashtag como #Ogalegononmata e #RemoveTheLimitations, agora lanzan #OgalegoUNE para acompañar esta iniciativa de protesta. Nos próximos días seguirán anunciando accións para facer ver o malestar dunha gran parte da poboación do país.

Comentarios