Concentración perante o TSXG en rexeitamento á sentenza contra o uso do galego na administración local

Convocada por Queremos Galego, decorrerá esta quinta feira, 14 de abril, na Praza da Galiza da Coruña.

Manifestación en defensa da lingua_Galiza Contrainfo
photo_camera Manifestación en defensa da lingua_Galiza Contrainfo

A sentenza do TSXG sobre a ordenanza de uso do galego en Lugo, e que eliminou algúns elementos fulcrais da mesma, segue a xerar rexeitamento. Se en marzo foi unha concentración en Lugo, agora será unha mobilización perante a sede do Tribunal superior de xustiza de Galiza quen tome o relevo. A convocatoria faina 'Queremos Galego' e decorrerá esta quinta feira, 14 de abril, ás 12.00 horas, na Praza da Galiza da Coruña.

A sentenza, manifestou o portavoz da plataforma cidadá, Marcos Maceira, “ataca o uso do galego na administración municipal e nos servizos básicos privatizados” e “é un intento de provocar por vía xudicial o retroceso en dereitos lingüísticos que a sociedade galega está a impedir na vía política”.

 O portavoz de Queremos Galego lembrou que a sentenza do TSXG elimina o dereito a utilizarmos o noso idioma con absoluta normalidade e a sermos atendidos e informados en galego en servizos privatizados. Ademais, suprime o artigo que declara o galego como lingua propia e oficial de Lugo por non estar subordinada ao castelán, e vir definida como lingua plena e de pleno dereito; elimina a rotulación en galego de oficinas e despachos, a sinalización viaria, o carácter normalizador das axudas e subvencións, ou cousas tan evidentes como a existencia dun ámbito lingüístico galego.

Comentarios