Botar a lingua en bretón

A asociación cultural compostelá A Gentalha do Pichel asina unha nova aposta a prol da diversidade lingüística con aulas de lingua bretoa
Aulas bretón
photo_camera Aula de bretón na Gentalha do Pichel


Denantes do Nadal, a tradutora e intérprete viguesa Carolina Díaz vía facerse realidade a posibilidade de vir a Compostela para impartir aulas de lingua bretoa ao existir xa un número mínimo de alumn@s interesad@s no proxecto. Esta iniciativa, xurdida no seo da asociación cultural compostelá A Gentalha do Pichel de mans de José Cadaveira e Raquel Paz, profesora de francés na Escola de Idiomas da cidade, levantou áncora no pasado mes xaneiro e seguirá a súa andaina até xuño, afianzada por unha variopinta tripulación de alumnos chegados dende Polonia, Escocia ou a propia Bretaña, entre outr@s. Cadaveira reflexiona, non sen certa retranca, no paradoxo de que unha bretoa tivese que agardar a chegar a Galiza para se somerxer na lingua propia da súa terra.

Tentando dilucidar este inequívoco síntoma de desarraigamento, Carolina Díaz lembra que o estado francés non recoñece ningunha lingua rexional como oficial na súa Constitución e, de feito, a República ainda non ratificou a Carta europea das linguas rexionais e minoritarias, malia que o actual primeiro ministro, o socialista François Hollande, comprometeuse o pasado ano a modificar a carta magna para dar luz verde á resolución de Estrasburgo do 5 de novembro de 1992. “O pobo bretón xa non agarda nada de parte do goberno, nin a nivel lingüístico nin noutros eidos”, afirma Díaz, “e, polo tanto,  no canto de resignarse, apostaron por se auto organizaren a prol do idioma”.

O bretón, que historicamente se falaba na porción occidental da península, a chamada Baixa Bretaña ou a Armórica romana, estase no entanto a se implantar considerablemente nas grandes urbes da zona oriental onde, así a todo, nunca fora lingua vehicular. Robert Neal Baxter, profesor na Universidade de Vigo de interpretación simultánea e consecutiva, galego- inglés e colaborador de Sermos Galiza, explica este paradoxo a partir do sentimento de auto-odio inculcado dende o goberno francés entre os falantes tradicionais da Bretaña. De feito, a derradeira lingua céltica falada no continente europeo contaba nos anos 20 do século pasado con aproximadamente un millón de falantes. Con todo, as políticas do lingüicidio impulsadas pola República centralizadora provocaron que, en escasamente cen anos, este idioma, que é máis antigo que o francés, perdese arredor do 80% dos seus falantes.

Actualmente existen entre 180 e 250 mil falantes de bretón

A pesar de os estudos actuais sobre o bretón non coincidiren na cifra de falantes que se manteñen hoxe en día por mor da falta de datos censatarios sobre as linguas non oficiais dentro das fronteiras do estado francés, as investigacións máis recentes adoitan situalos entre os 180.000 e os 250.000, un descenso que provocou que no Atlas sobre as linguas en perigo elaborado pola UNESCO en 2007 fose clasificada como unha lingua seriamente ameazada e en perigo de extinción. Doutra banda, o mesmo informe da UNESCO relativo ao ano 2009 alertaba de que o problema do bretón estribaba na alta taxa de mortalidade da poboación que falaba bretón, a de maior idade, así coma no desleixamento do seu uso por parte das xeracións máis novas, que contraditoriamente, son as que teñen a oportunidade de levar a cabo a súa alfabetización no ensino.

A loita social pola lingua

No entanto, Carolina Diaz, licenciada en Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo e en Filoloxía Bretoa na Universidade de Rennes, destaca a intensa e longa loita levada a cabo dende o ámbito social para normativizar o idioma, que conta con dúas unificacións ortográficas, e para legalizalo no ensino, tanto no obrigatorio como para promover a inauguración dos seus estudos superiores e que, na actualidade, conta con senllas licenciaturas en filoloxía na universidade de Rennes e na de Brets.

Nas aulas da Gentalha hai unha alumna bretoa que está a aprender a súa lingua na Galiza

Hoxe en día, o ensino bilingüe en bretón e francés conta con tres ramificacións ou sistemas: Primeiramente, as escolas de inmersión lingüística de carácter asociativo, as chamadas Diwan, que foron orixinariamente constituídas a finais dos anos 70 e son financiadas mediante subvencións públicas e por medio de actividades promovidas pol@ nais e pais, polo que son gratuítas. En segundo lugar, nas escolas públicas, cun 50% das materias en bretón e outro tanto en francés, inda que o primeiro caso é optativo xa que depende da elección dos proxenitores. Díaz chama atención sobre o feito de que as aulas bilingües no ensino público foron unha conquista que naceu dunha iniciativa social e que se está a impulsar notablemente dende a creación da Oficina Pública da Lingua Bretoa que “estrutura o territorio respecto das escolas”. Finalmente, están as escolas católicas privadas que na teoría seguirían o mesmo modelo de paridade do que as públicas, mais que na práctica, tal e como denuncia a mestra viguesa, “non é efectiva pola falta de profesores bilingües en bretón”.

O vínculo coa Galiza

Esta realidade lingüística pode, sen lugar a dúbidas, resultarnos coñecida en canto tanto a Galiza como a Bretaña son dúas nacións do Arco Atlántico cunhas linguas e culturas periféricas fronte aos seus respectivos estados. Díaz destaca o sentimento de irmandade das bretoas e bretóns cara ao pobo e á cultura galeg@s aos que, di, se refiren como “prim@s irmáns”. O vínculo histórico de ambos pobos remóntase aos séculos V e VI, cando as sucesivas invasións por parte dos pobos xermánicos ás Illas Británicas produciron un desprazamento da poboación cara ás zonas máis occidentais da illa, principalmente Cornualles e Gales. Debido á expansión dos invasores anglosaxóns, os brython e os conish víronse obrigados a cruzar o océano cara á antiga Armórica, onde a través da introdución da súa lingua e cultura deron lugar á ‘receltización’ dunha terra que a partir de entón pasaría a se chamar Bretaña. Asemade, as migracións de orixe celta chegaron á antiga Gallaecia, onde fundaron a diocese de Britonia ainda que, tal e como precisa José Cadavéira, “o continxente foi moito menor que na Armórica”.

Auto-odio

Canto aos contextos sociolingüísticos na Galiza e na Bretaña, Neal Baxter puntualiza que, se ben a situación é bastante máis precaria aló, “as similitudes son máis de fondo que de forma”. Dunha banda, ambas linguas están a presenciar a ruptura da súa transmisión xeracional, o fomento do auto-odio por parte dun estado que combate por as esnaquizar, a precariedade lexislativa que condiciona a súa regularización no ensino e o risco que as novas tecnoloxías comportan ao promover o espallamento do francés e o español en detrimento do bretón e o galego, respectivamente. Porén, este filólogo nado en Shrewsbury, Inglaterra, sinala algunhas diverxencias no que atinxe aos movementos nacionalistas xa que, no caso da Bretaña, un axente decisivo na loita foi a igrexa, debido ao mantemento dun clero autóctono que, ao igual que en Euskadi e Cataluña, se situou a carón da lingua propia.

Malia o delicado da situación, Neal Baxter reafirma o seu optimismo canto á normalización do bretón dados os progresos acadados nos últimos decenios e recorda que unha enquisa elaborada por un xornal rexional bretón moi recentemente, mais que á fin non se chegou a publicar, ditaminou que o 18% da poboación bretoa estaba a favor da independencia.

Aulas tamén en catalán

Pola súa banda, Carolina Díaz valora moi especialmente iniciativas como as promovidas dende A Ghentalha do Pichel, asociación que dende os seus albores, hai aproximadamente oito anos, renova a súa oferta de cursos de linguas cada mes de outubro. “O Pichel promove cursos de linguas que, coma o catalán, non tes a oportunidade de estudar nas escolas de idiomas da Galiza, malia ser unha lingua que se fala aquí ao lado; falamos de plurilingüismo, mais todo se reduce ao inglés”, comenta. Este ano, amais do catalán, esta asociación cultural impulsou aulas de portugués, francés e de conversación en inglés, as chamadas tea and sympathy.


Comentarios