"Fálame!": a mocidade berra polo galego nun Correlingua que dá o disparo de saída

A pasada semana en Pontevedra e esta cuarta feira en Compostela arrincaron as primeiras actividades do Correlingua 2022, que congregará máis de 15.000 alumnos e alumnas de todo o país até outubro.
Actuación da Mekánika Rolling Band na Alameda de Compostela, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Actuación da Mekánika Rolling Band na Alameda de Compostela, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

Arrincou máis unha edición do Correlingua. O pasado 4 de maio botou a andar na Alameda de Pontevedra, onde centos de estudantes de diferentes centros de ensino da comarca participaron das actividades deste evento cuxa programación se estenderá até o outono.

E esta cuarta feira foi a quenda de Compostela. Na Alameda da capital galega, fronte ao palco da música, congregouse unha multitude que non quería perder a actuación da Mekánika Rolling Band, nun acto presentado por Isabel Risco.

Ambos os eventos foron retransmitidos en directo a través de YouTube, xa que, se ben a día de hoxe a normativa sanitaria non impide actos multitudinarios como os que antano protagonizaban o Correlingua, a edición deste ano foi programada un tempo atrás e a incerteza pairaba aínda sobre as persoas que o organizan. A de 2022 será, se as circunstancias así o permiten, a derradeira en 'formato Covid'.

"O grande escaparate son todos estes actos públicos, mais o Correlingua está cheo de actividades que decorren durante o curso escolar en diferentes centros de ensino do país", explica, en conversa con Nós Diario, o presidente da Asociación Cultural Correlingua, Suso Bermello.

Entre esas actividades salienta a tradicional carreira, que por mor da pandemia fica en suspenso, mais si se organizan os concursos de banda deseñada, as regueifas ou a elaboración conxunta do manifesto ao que se dá lectura ano tras ano.

O de 2022 leva por título "Fálame!" e foi o resultado dos obradoiros 'Desata a lingua', dos que participou o alumnado dos institutos IES da Pedra (Ponteareas), IES A Pastoriza (Arteixo), IES Frei Martín Sarmiento (Pontevedra), IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo), IES de Brión, IES 12 de Outubro (Ourense), IES de Pontecaldelas e IES San Tomé de Freixeiro (Vigo). "Míranos, aquí estamos, somos o futuro. Os soños que temos hoxe construirán o mundo mañá. Pero hoxe falámosvos dende o presente, queremos pedirvos que nos escoitedes e, sobre todo, que nos faledes. Por que non me falas? Fálame!", reza o texto.

Bermello asegura que, a pesar das circunstancias derivadas da crise sociosanitaria que aínda non foi superada por completo, a participación no Correlingua 2022 será "moi alta". Entre este mes de maio e o vindeiro outubro participarán dos diferentes actos máis de 15.000 alumnos e alumnas.

A Xunta, de lado

E con esta van xa 22 edicións do Correlingua, que se sostén, subliña o seu presidente, grazas fundamentalmente á involucración de concellos e deputacións, xa que a Xunta da Galiza nunca colaborou con esta iniciativa. "A secretaría xeral de Política Lingüística está para outras cousas, para recortar", lamenta. A Adiministración galega, incide, "nin está, nin se lle espera".

Suso Bermello enxalza o labor de actividades como as que ano tras ano leva o Correlingua ás aulas e as rúas do país, algo que considera "imprescindíbel" porque a lingua galega precisa de "apoio social". "Agradecemos a participación do profesorado e das e dos estudantes, que sempre están moi involucrados", engade.

Próximos eventos

As festas inaugurais do Correlingua 2022 percorrerán varios colexios e ofrecerán oito espectáculos en espazos públicos ao longo deste mes, con paradas no Teatro Principal da Estrada (12), o auditorio do Pazo da Cultura de Carballo (18), o Auditorio municipal de Vigo (19), a praza do Seixo de Tomiño (20), o Auditorio Municipal de Cangas (27) e o Pazo da Cultura de Narón (31).

Chegado o outono, o Correlingua viaxará polas escolas de Ourense e Lugo, onde se despedirá o día 26 no Auditorio Gustavo Freire.

Comentarios