A xustiza polaca rexeita a apelación do xornalista Pablo González, que seguirá en prisión

O correspondente leva xa catro meses incomunicado nun cárcere de Polonia.
O xornalista Pablo González, nunha fábrica na localidade ucraína de Dnipro. (Foto: @PabVis/Twitter)
photo_camera O xornalista Pablo González, nunha fábrica na localidade ucraína de Dnipro. (Foto: @PabVis/Twitter)

O Tribunal de Apelación de Rzeszów rexeitou esta cuarta feira a demanda de apelación presentada pola defensa do correspondente Pablo González, contra a decisión de prorrogar a detención do xornalista vasco nunha prisión de Polonia durante tres meses máis a partir do 25 de maio.

Após 160 días, a defensa de Pablo González segue a intentar sacalo de prisión, co obxectivo de preparar un xuízo no que se enfronta a unha pena de cárcere de até dez anos. Acúsano de pór en risco a seguridade de Polonia ao realizar presuntas actividades para a intelixencia militar rusa (GRU).

Nestes catro meses, familiares e achegados denunciaron as malas condicións de catividade nas que se atopa, nun réxime de illamento total e con continuos interrogatorios. Lamentan tamén a inacción do Goberno español desde o momento da detención de Pablo González, e exíxenlle que intermedie co Executivo polaco.

Incomunicado

Tanto a súa parella, Oihana Goiriena, como o avogado catalán Gonzalo Boyé compareceron a pasada semana ante a Comisión de Asuntos Europeos e Acción Exterior do Parlamento vasco, para achegar as últimas informacións sobre Pablo González.

Nesa intervención, Goiriena afirmou que a única comunicación que mantivo co seu compañeiro nestes catro meses foron dúas cartas escritas polo correspondente e  que lle entregaron con dous meses de demora.

Aliás, lamentou a mal estado físico e emocional no que se atoparía González, cunha perda de peso de 10 quilogramos, debido á incomunicación á que as autoridades polacas o someten, permitíndolle falar só co seu avogado polaco e o cónsul español.

Nas últimas semanas, a Asociación Pro Dereitos Humanos do Estado español (APDHE), as Federacións Internacional e Europea de Xornalistas e o Instituto Internacional de Prensa instaron o Executivo de Pedro Sánchez a actuar para garantir os dereitos fundamentais de Pablo González.

Comentarios