Xamaica votará para cortar con Carlos III e converterse en república

O Goberno de Xamaica asegura que “agora é o momento” para impulsar un referendo.

O até de agora Príncipe de Gales escolleu reinar baixo o nome de Carlos III. (Foto: Matthew Horwood / PA Wire / dpa).
photo_camera O até de agora Príncipe de Gales escolleu reinar baixo o nome de Carlos III. (Foto: Matthew Horwood / PA Wire / dpa).

Esta quinta feira, a ministra de asuntos constitucionais do Goberno de Xamaica, Marlene Malahoo Forte, revelou que o seu país quere facer un referendo en 2024 para saír da Commonwealth e converterse nunha república.

Segundo as declaracións de Malahoo, a intención é levar a cabo un referendo “urxente” o vindeiro ano. Así, Xamaica independizaríase da monarquía británica e tería o seu propio presidente ou presidenta xa en 2024.

“Mentres no Reino Unido se celebra a coroación do rei, Xamaica trata de escribir unha nova constitución... que servirá para cortar lazos co monarca como xefe do noso estado”, manifestou a ministra nunha entrevista.

“Agora é o momento”

Malahoo mostrouse convencida de que “agora é o momento” e que Xamaica está “en mans dos xamaicanos e das xamaicanas”. A ministra afirmou que o seu Goberno “di que o temos que facer agora: é a hora de dicir adeus!”.

Fontes do Goberno recoñecen que o calendario é “ambicioso”, porque tamén teñen que seguir uns pasos parlamentarios que “probabelmente comecen este mesmo mes”, após a coroación de Carlos III.

Falta de identificación co monarca

Entre as razóns que alega o pobo xamaicano para cortar coa monarquía británica hai unha “falta de identificación con Carlos III”, algo que non acontecía coa raíña Isabel II, así como a vontade de ter outra forma de goberno.

Moitos xamaicanos e xamaicanas sentían afecto pola raíña, que aínda estaba no trono cando Xamaica se independizou. Porén, ese afecto non existe co rei Carlos: “é un estranxeiro para nós”.

Comentarios