Antigua e Barbuda súmase a Barbados e convocará un referendo sobre a monarquía inglesa en tres anos

O país caribeño avanza, após a morte de Isabel II, a súa intención de converterse en república para "culminar o proceso de independencia" do Reino Unido.
Gaston Browne, primeiro ministro de Antigua e Barbuda. (Foto: Caricom)
photo_camera Gaston Browne, primeiro ministro de Antigua e Barbuda. (Foto: Caricom)

O pasamento da raíña Isabel II do Reino Unido comeza a desencadear as primeiras reaccións na Commonwealth. O primeiro ministro de Antigua e Barbuda, Gaston Browne, vén de anunciar a convocatoria dun referendo republicano de aquí a tres anos.

A nación caribeño segue así os pasos de Barbados, cuxa cidadanía votou o pasado ano a favor de abolir o réxime monárquico e constituírse en república parlamentaria, elixindo Sandra Mason como primeira presidenta do país.

Gaston Browne asinou este sábado un documento que ratificaba o status de Carlos III como novo monarca e polo tanto xefe de Estado, mais uns minutos despois avanzou que impulsaría un referendo en Antigua e Barbuda.

"Este non é un acto de hostilidade nin supón diferenzas entre Antigua e Barbuda e a monarquía, mais é o paso final para completar o proceso de independencia, para garantir que sexamos realmente unha nación soberana", dixo Browne, en declaracións á canle ITV.

A decisión xa lla trasladara o primeiro ministro ao conde de Wessex, Eduardo —o fillo menor de Isabel II—, nunha visita á illa o pasado marzo, na que lle pediu que botase man da súa "influencia política" para lograr unha "xustiza reparadora" que culminase coa proclamación da república.

Tamén os dirixentes doutras nacións integradas na Commonwealth como Xamaica ou Belice informaron dos seus desexos de seguir os pasos de Barbados e, se todo avanza segundo o anunciado por Gaston Browne, de Antigua e Barbuda.

Pola súa parte, as autoridades de Australia e Nova Zelandia oficializaron este domingo o ascenso á Coroa de Carlos III e proclamaron a súa "lealdade" ao novo rei.

Comentarios