Moción de censura

Ramón Tamames, o home que entregou a Alcaldía de Madrid á dereita e a quen Carrillo sinalou polo 23-F

"Eu teño a convicción agora de que Tamames sabía algo, porque se manifestou dúas veces a favor dun Goberno presidido por un militar", afirmaba o histórico dirixente comunista nunha entrevista en 2011. O hoxe candidato da ultradereita á Presidencia figuraba na lista de 'ministrábeis' do xeneral Armada en 1981.
O candidato proposto por Vox na segunda moción de censura contra Pedro Sánchez, Ramón Tamames, esta terza feira no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O candidato proposto por Vox na segunda moción de censura contra Pedro Sánchez, Ramón Tamames, esta terza feira no Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O economista e profesor Ramón Tamames recuperou esta semana o protagonismo que perdera nas últimas décadas encabezando a segunda moción de censura da extrema dereita contra o Goberno de Pedro Sánchez. Unha figura para moitas persoas esquecida que xogou un papel chave —e controvertido— nos anos inmediatamente posteriores á morte do ditador Francisco Franco.

A súa pronunciada viraxe política, desde o PCE a Vox, pasando pola Federación Progresista, a fundación de IU e o CDS de Adolfo Suárez, foi unha das cuestións que máis salientaron as deputadas e deputados na sesión do Congreso desta terza feira, previa á votación que decorrerá hoxe. Mais diso xa advertía hai máis dunha década o histórico dirixente comunista Santiago Carrillo.

Nas súas memorias, publicadas en 2008, Carrillo aludía ao "incremento das conspiracións de todo xénero" nos últimos meses de presidencia de Suárez, tras a moción de censura impulsada por Felipe González que non prosperou mais que só contou co rexeitamento dos 166 escanos da UCD: "Empezou a falarse dun 'Goberno de xestión' que parecía contar co beneplácito dalgúns socialistas. Ramón Tamames pronunciouse pola entrada dalgún xeneral no Goberno, dúas veces seguidas".

Tres anos despois, nunha entrevista con Pablo Iglesias, o antigo líder do PCE ía un paso máis aló e, en relación co golpe de Estado do 23 de febreiro de 1981, afirmaba: "Eu teño a convicción agora de que Tamames sabía algo, porque se manifestou dúas veces a favor dun Goberno presidido por un militar. E as dúas veces tiven que desautorizalo publicamente. Toda a evolución cara á dereita de Tamames faime pensar que el sabía algo".

O seu nome, de feito, figuraba na coñecida como 'listaxe de Armada', a relación de nomes propostos polo xeneral Alfonso Armada para conformar o Executivo no caso de prosperar a operación militar do 23-F e que el mesmo lideraría. Ramón Tamames, único comunista na lista, sería o ministro de Economía.

Apoio a unha moción da dereita

A que se está a debater agora no Congreso non é a primeira moción de censura na que Tamames toma un papel relevante, pois en 1989 apoiou ás forzas da dereita no Concello de Madrid na iniciativa presentada polo PP —co edil Agustín Rodríguez Sahagún (CDS) como candidato malia obter menos escanos que os 'populares' e os socialistas, que gobernaban da man de Juan Barranco como forza máis votada—, que prosperou grazas ao seu 'si', contrario ás ordes ditadas desde IU, que pedían oporse á moción.

E, nun tenso enfrontamento gravado por TVE que el mesmo recuperou a pasada semana da hemeroteca, así de contundente reprochaba a decisión de Tamames o seu compañeiro de bancada na esquerda Félix López-Rey, hoxe en Máis Madrid: "Ao obreiro de San Blas, ao obreiro de Orcasitas... enganáchelos, Ramón. Enganáchelos, Ramón, traizoáchelos. Falábaslles de xiro copernicano, pero que xiro copernicano era ese!? Non te poderei crer na vida, Ramón, a min decepcionáchesme totalmente".

A dereita gobernou Madrid durante 26 anos, até a vitoria nas urnas de Manuela Carmena en 2015. Convertido en tránsfuga, abandonou IU, de cuxa dirección aínda facía parte, e ingresou no CDS, mais tamén marchou pouco tempo despois, após as eleccións xerais de 1989. Foi entón cando decidiu dar un paso á beira e deixar a primeira liña política... Até que o ultradereitista Santiago Abascal chamou á súa porta.

Comentarios