"Ventos de guerra" no Sáhara Occidental

A Fronte Polisario advirte dunha posíbel "guerra total" con Marrocos polas tensións no paso de Guerguerat, onde se mobilizaron efectivos do Exército marroquí. Calquera "agresión", di, suporía "a fin do cesamento do fogo" de 1991. O delegado do Goberno saharauí na Galiza lamenta os "21 anos de silencio" da comunidade internacional.
guerguerat
photo_camera Manifestantes da sociedade civil saharauí, no paso de Guerguerat, que o Goberno da RASD considera ilegal e contrario á súa soberanía (Nós Diario)

"Estásenos a esgotar a paciencia", afirma en declaracións a Nós Diario Mohammed Erga, representante na Galiza do Goberno da República Árabe Saharauí Democrática (RASD). A Fronte Polisario puxo o domingo en situación de máxima alerta as súas tropas por mor da tensión que se vive no paso fronteirizo de Guerguerat e onte confirmou que responderá "con firmeza" calquera agresión por parte de Marrocos na zona. 

A mobilización chega despois de advertir a presenza de vehículos militares marroquís "a só tres quilómetros" das ducias de saharauís que manteñen un campamento na zona desde o 21 de outubro, bloqueando o paso de vehículos que entran ou saen de Mauritania. Tamén, sinala o Goberno saharauí, se detectou a incursión de militares camuflados.

Erga lamenta os "anos de silencio" da comunidade internacional ante a "ocupación e saqueo" por parte de Marrocos. "Son 21 anos agardando por unha paz que procuramos, mais que non chega", expón, ao tempo que asegura que "somos un pobo pacífico", mais "é moito tempo, varias xeracións". "A paciencia esgótase", insiste. 

Neste sentido, desmente as informacións que sinalaban que a Fronte Polisario declarara o estado de guerra no Sáhara Occidental. "Hai unha mobilización, mais non hai unha declaración de estado de guerra". Porén, Mohamed Erga prefire remitirse ao comunicado oficial que o Goberno saharauí emitiu onte pola tarde tras a reunión especial convocada co obxectivo de avaliar a situación e estudar a implementación do estado de alarma máxima na República Saharauí, tanto nos campamentos de refuxiados como nos territorios liberados.

Risco de "masacre"

"Despois de concentrar as súas tropas militares ao longo do Muro da Vergoña, na zona lindeira á brecha ilegal de El Gueguerat, en clara violación das cláusulas do Acordo Militar Nº1; as forzas de ocupación marroquís emprenderon, desde a noite de onte [polo domingo], unha operación de traslado, a grande escala, de efectivos do Exército, da Xendarmería e doutros aparellos de seguridade á zona", sinala o comunicado.

O texto asegura, citando "informacións fidedignas, de fontes presentes no lugar", que os militares marroquís se camuflaron con roupas civís, "ante a mirada da propia Minurso [Misión da ONU para o referendo no Sáhara Occidental]", co fin de ─sinala─ atacar os civís saharauís que bloquean a zona desde o 21 de outubro.

Calquera incursión marroquí nesta zona liberada da RASD, coñecida como zona de separación, considerarase unha "agresión flagrante á que a parte saharauí responderá con firmeza, en lexítima defensa da súa soberanía nacional", di. "Suporá, así mesmo, a fin do cesamento do fogo e abrirá a porta ao estalido dunha nova guerra total na rexión", engade. 

Ademais, defende o dereito de manifestarse polos "dereitos inalienábeis do seu pobo á autodeterminación e á independencia", e fai responsábeis a ONU, e en especial ao Consello de Seguridade, de "salvagardar a integridade física dos civís saharauís presentes", en risco dunha "inminente agresión militar perpetrada por militares marroquís encubertos de civís", que pode acabar nun "masacre atroz".

Mohamed VI incide na soberanía "plena e enteira" de Marrocos e desbota o referendo

O sábado pasado, coincidindo co 45º aniversario da Marcha Verde ─cando militares e civís marroquís camiñaron sobre o Sáhara, ocupado daquela polo Estado español─ o rei de Marrocos, Mohamed VI,  pronunciou un discurso marcado pola situación actual da Covid. Mais tamén abordou a cuestión do Sáhara Occidental ocupado. O monarca reivindicou a súa vella proposta, o plan autonomista, asegurando que Marrocos permanecerá "no seu Sáhara" .

O rei defendeu, iso si, por primeira vez unha solución aceptábel polas dúas partes, a Fronte Polisario e Marrocos, informa a axencia ECS. Con todo, destacou que non hai ningunha solución posíbel fóra da soberanía "plena e enteira" de Marrocos, nin da iniciativa de autonomía presentada en 2007, desbotando por completo o referendo de autodeterminación prometido e proposto pola ONU en 1991. 

Comentarios