Eleccións vascas

Imanol Pradales (PNV): "Ninguén sabe o resultado, mais estou convencido de que recuperaremos a confianza da cidadanía"

As enquisas apuntan a que este domingo en Euskadi a xornada electoral estará moi disputada entre o EH Bildu e o PNV. O último barómetro do CIS situaba a esquerda abertzale con 34,7% dos votos, adiantando pola mínima á formación jeltzale (33,1%). Sexa como for, hai dúas cuestións claras: haberá novo lehendakari após o PNV non volver presentar Urkullu e ben sexa Pello Otxandiano (Bildu) ou Imanol Pradales (PNV), o presidente vasco será nacionalista.
Imanol Pradales é o candidato do PNV. (Foto: Oskar Matxin Edesa / Foru)
photo_camera Imanol Pradales é o candidato do PNV. (Foto: Oskar Matxin Edesa / Foru)

Reiterou constantemente que a cidadanía terá que elixir entre dous modelos: PNV e EH Bildu. Que é o que máis lles distingue?
Temos diferentes culturas políticas e, por tanto, os modelos sociais que propoñemos tamén son diferentes. Na economía, EH Bildu busca unha intervención e nós, unha alianza público-privada. Están a favor de facer públicos os coidados e para nós as iniciativas de traballo social e comunitario son a base. En vivenda, EH Bildu obriga a alugar; nós queremos dar a todos a liberdade de decidir se queren alugar ou ser propietarios. E sobre a policía, EH Bildu fala de desmilitarización; e nós que a Policía necesita algúns recursos para protexer os cidadáns. 

Se nos fixamos nos programas, hai acordos nas prioridades. Hai unha intersección?
Hai oportunidades para implementar acordos públicos, como non, mais para iso é importante que cada un poña sobre a mesa o seu modelo e medidas.

Vostede propuxo limitar a espera na sanidade pública. Como o fará se non hai médicos?
Necesitamos atraer médicos á Atención Primaria e temos que ofrecer incentivos, o que significa entrar en competencia con outros, porque o mercado é limitado. Hai profesionais a piques de xubilarse e cómpre darlles a oportunidade de seguir traballando; hai que gañar tempo.

Hai que conciliar a escaseza de profesionais na sanidade e os dereitos lingüísticos. Se queremos atraelos, cómpre facilitar a aprendizaxe. 

Para combater a escaseza de profesionais, propuxo a creación de "administradores sanitarios".
Os médicos agora teñen unha carga burocrática considerábel, ademais de brindar atención, e cremos que é necesaria unha nova figura para aliviala.

Como deben garantirse os dereitos lingüísticos na sanidade?
Cómpre conciliar a escaseza de profesionais e os dereitos lingüísticos. Se queremos atraer profesionais, temos que facilitar a aprendizaxe do vasco e, cando sexa posíbel, garantir que o servizo se preste en euskera.

Están preparados para endurecer a política lingüística?
A vasca é unha boa lei. Até o momento lográronse avances coa participación das partes. Con todo, o principal é aumentar o uso do euskera e debe haber un período para iso.

Débese limitar o prezo do alugueiro de vivendas, aplicando a Lei de Vivenda? 
Si.

Pero vostede di que a lei viola as competencias do Goberno.
Porque Madrid debe aceptar as zonas de alta tensión. A lei estabelece que o índice de prezos tamén se decidirá en Madrid. E tamén di como limitar o prezo e en que medida, independentemente do estado da localidade e do territorio. Madrid decídeo todo, hai que tragar con iso? En calquera caso, un ano despois vemos que é un desastre, pois o alugueiro encareceu e a oferta de vivenda diminuíu.

En que empresas ou sectores debería estar o Goberno?
Debe participar en todos os estratéxicos. No do automóbil, por exemplo. É importante non só manter as empresas, senón axudalas a crecer, darlles as ferramentas para gañar tamaño.

Non souben nada de sánchez, e teño claro que tomará a decisión baseándose nos seus intereses

Manifestou desconfianza cara ao PSE. Sánchez, con todo, deu a súa palabra.
Sánchez non dixo nada.

Si, dixo. E sostivo que o tratado achegou estabilidade.
Non souben nada del. Teño claro que Sánchez tomará a decisión baseándose nos seus intereses.

Non ve o PP na ecuación.
O único que vexo é que estamos na recta final e ninguén sabe o resultado. Cando vexamos o que di a sociedade vasca, entón falaremos de gobernanza. O que creo é que recuperaremos a confianza dos cidadáns, estou convencido.

A gran maioría do Parlamento será nacionalista.
É unha boa oportunidade para que Bildu e outros partidos se sumen ao novo consenso de autogoberno. Vexamos se podemos chegar a un consenso amplo.

Quere un maior autogoberno e recoñecemento nacional nunha nova constitución. Teñen data límite en mente?
O que asinamos en novembro co PSOE é que había un ano e medio para fechar a gabeta do Estatuto de Gernika, e a partir de entón abririamos outra sobre o novo autogoberno.

Vostede tamén quere ter voz en Bruxelas. Como?
O primeiro paso debería ser estar no Ecofin [o Consello de Ministros de Economía da UE]. Pode ser fácil se hai vontade política. Unha vez que se abra unha porta, poderemos abrir outras portas.

Comentarios