País Valencià

10 falecidos e múltiples desaparecidos e feridos no incendio dun edificio en València ao que os bombeiros aínda non puideron acceder

"Polo momento temos identificadas a 14 persoas ilocalizábeis, cifra que vai variar porque traballamos en tentar localizar as persoas que poderían quedar", sinala a delegada do Goberno estatal no País Valencià, Pilar Bernabé.
Bombeiros tratando de sufocar o incendio en València esta pasada noite. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)
photo_camera Bombeiros tratando de sufocar o incendio en València esta pasada noite. (Foto: Jorge Gil / Europa Press)

O incendio orixinado esta quinta feira nun edificio da zona de Campanar de València que afectou outro bloque de vivendas lindeira saldouse, polo de agora e segundo o último balance, con 10 persoas falecidas, múltiples desaparecidas e feridas cuxas vidas non corren perigo. Así o puxeron de manifesto esta sexta feira o president da Generalitat, Carlos Mazón, e a delegada do Goberno estatal no País Valencià, Pilar Bernabé, en declaracións aos medios de comunicación tras asistiren a unha reunión no Posto de Mando Avanzado situado no lugar do sinistro. No encontro tamén estiveron presentes a ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant, e mais a alcaldesa de València, María José Catalá.

Tanto Mazón como Bernabé explicaron aos medios que polo momento non variou a cifra de persoas falecidas, debido a que os bombeiros e policías non puideron acceder ao interior dos edificios afectados, que esta mañá xa se atopaban sen chamas. "Estamos á espera de que poidan entrar os bombeiros nos edificios e vaian dando datos do atopado", aseverou Mazón. "Están a facerse comprobacións exteriores e, cando se teña unha seguridade básica, poderán entrar", precisou.

Bernabé sinalou que até o momento si puideron localizarse catro corpos sen vida dentro do edificio e hai actualmente 14 persoas desaparecidas, aínda que "a cifra vai variar", advertiu a delegada. A Policía Nacional, dixo, traballa sobre o cálculo dos veciños do edificio: "Temos identificadas varias persoas ilocalizábeis, cifra que vai variar porque traballamos en tentar localizar as persoas que poderían quedar. É un edificio con moitas vivendas, algunhas delas nas que residían persoas de nacionalidade estranxeira que son máis difícil de localizar", engadiu.

A Policía Científica, apuntou, entrará nos edificios xunto aos bombeiros "cando se poida acceder". "Aí empezarán os labores de procura e identificación de cadáveres", subliñou. O corpo de Bombeiros e a Unidade Militar de Emerxencias (UME) colaborarán nos labores de busca, mentres que a Policía fará a identificación dos posíbeis corpos dentro dos edificios e investigará os motivos do lume.

As persoas feridas, fóra de perigo

Mazón explicou que os servizos sanitarios atenderon xa 15 persoas feridas, cuxas vidas non corren perigo e das que sete son bombeiros. Dos 15 feridos, só hai seis persoas ingresadas en diferentes hospitais, mentres que as outras nove foron dadas de alta directamente. E das seis persoas ingresadas, cinco son bombeiros que presentan queimaduras ou algunha rotura en brazo por precipitarse, "pero non se teme pola vida de ningunha delas", aseverou o president.

"Non puidemos facer nada, foi cousa de minutos"

Veciños e veciñas dos dous edificios arrasados polo incendio mostran a súa "impotencia" por como viviron os feitos, dado que "non podían facer nada", simplemente "saír correndo" co posto, mesmo en pixama, dado que o lume medrou "moi rápido, en cuestión de minutos". Vicente, un deles, dixo en declaracións aos medios: "Foi todo moi rápido. Hai familias enteiras que quedaron co posto". Este veciño explicou que "en cuestión de 15 ó 20 minutos as chamas envolveron todo o edificio, todos pensamos que pola fachada, que ten un material que prende moito e, unido ao vento, ardeu como unha falla en València", dixo.

Miguel, veciño do primeiro piso dun dos dous edificios afectados, onde residía desde hai sete anos, resaltou que o lume "entrou pola sétima planta" e, a partir de aí, fíxoo "por toda a fachada". Os veciños "saímos uns con outros como puidemos e até que en cuestión de minutos" as chamas medraron por "todo o edificio". "Quedamos sen nada", engadiu.

O conserxe do edificio foi "o primeiro que se puxo a traballar": "Empezamos a saír, a xente maior, os que puidemos, e así foi todo. Saímos porque detectamos o cheiro, vimos que caían todas as placas con lume, a parte da la de rocha que había na fachada do illante. A miña muller vestiuse, saíu correndo cara abaixo, e eu tamén saín, sen nada, con toda a documentación na casa. Non temos absolutamente nada porque prendeu lume todo", lamentou.

"En principio os bombeiros crían que o ían poder sufocar, porque era un sétimo, pero o aire que sopraba era imparábel, Entón, non lles deu tempo, empezaron a subir e a xente maior fomos axudándonos os uns aos outros", expuxo. Aliás, salientou a "sorte" que tivo de poder pasar a noite no piso da súa filla, pero advertiu de que outros veciños "non teñen nada, porque hai moita xente que vén de fóra ou que vive de alugueiro". "Cres que estás nunha película, é esa sensación... lembras O Coloso en chamas e dis, 'iso non pode ser, é surrealista, a min non me pode pasar'", continuou, á vez que recoñeceu estar en 'shock' tras coñecer que hai, até o momento, catro vítimas mortais confirmadas.

Comentarios