País Valencià

Un enorme incendio calcina un edificio de 14 andares en València

O fogo xerou unha gran columna de chamas e unha densa fumareda que afecta varias plantas do edificio segundo se pode contemplar en imaxes difundidas por redes sociais.
O incendio desta quinta feira en València (Foto: Eduardo Manzana / Europa Press).
photo_camera O incendio desta quinta feira en València (Foto: Eduardo Manzana / Europa Press).

Un incendio de grandes proporcións está a arrasar na tarde desta quinta feira parte dun edificio de 14 plantas no barrio de Campanar, en València. O fogo xerou unha gran columna de chamas e unha densa fumareda que afecta varias plantas do edificio segundo se pode contemplar en imaxes difundidas por redes sociais.

O 112 mobilizou dez dotacións de bombeiros municipais, dous SAMU e un SVB até o lugar do incendio, que ao parecer se orixinou nun cuarto piso do inmóbel e estendeuse ao resto do edificio, segundo informou Emerxencias na súa conta de X (antes Twitter).

Rescates

Os bombeiros rescataron dúas persoas do interior do edificio en chamas entre os aplausos das persoas que se atopaban na zona. A manobra para rescatar dúas persoas que levaban desde o inicio do fogo no balcón realizouse con dous guindastres: unha controlaba as chamas nas plantas inferiores e a outra achegouse para poder sacar polo balcón aos afectados.

Durante toda a tarde, efectivos de bombeiros estiveron refrescando a zona na cal estaban atrapadas estas persoas con chorros de auga para rebaixar a temperatura e impedir que se lles achegase o fogo, que xusto se atopaba no piso de arriba e chegou a rodealos.

Comentarios