A Unión Europea terá o Goberno máis dereitista da súa historia

Por primeira vez a extrema dereita contará cunha Vicepresidencia no Executivo do bloque comunitario, a do italiano Raffaele Fitto.
Nova Comisión Europea, con Fitto, Virkkunen, Ribera, von der Leyen, Kallas, Séjourné e Minzatu na primeira fila, o 27 de novembro de 2024. (Foto: Comisión Europea)
Nova Comisión Europea, con Fitto, Virkkunen, Ribera, von der Leyen, Kallas, Séjourné e Minzatu na primeira fila, o 27 de novembro de 2024. (Foto: Comisión Europea)

Por 370 votos a favor, 282 en contra e 36 abstencións, o Parlamento Europeo validou a cuarta feira a composición da nova Comisión Europea, o Executivo da Unión Europea (UE), coa alemá Ursula von der Leyen (Partido Popular Europeo, PPE) na Presidencia, cargo no que foi reelixida na Cámara en xullo.

Trátase do Gabinete máis dereitista na historia do organismo, que por primeira vez terá un vicepresidente de extrema dereita, o italiano Raffaele Fitto (Conservadores e Reformistas, ECR), que estará a cargo de Cohesión e Reformas, con outro ultradereitista, o húngaro Olivér Várhelyi (Patriotas por Europa, PfE, un dos tres grupos de extrema dereita do Parlamento da UE), como comisario de Saúde e Benestar Animal.

Outra das seis Vicepresidencias estará ocupada pola española Teresa Ribera (Socialistas e Demócratas, S&D), que asume Competencia e Transición Limpa, Xusta e Competitiva, logo de fracasar a tentativa do Partido Popular (PP) español de frear a súa candidatura ao buscar responsabilizala polas carencias na xestión da emerxencia por unha depresión illada en niveis altos (DINA) por parte do Goberno valenciano do PP a finais de outubro, que deixou 222 mortes.

O resto de Vicepresidencias son para a estoniana Kaja Kallas (da liberal Renovar), en Exteriores, o seu correlixionario francés Stéphane Séjourné en Prosperidade e Estratexia Industrial, a finesa Henna Virkkunen (PPE) en Soberanía Tecnolóxica, Seguridade e Democracia e a romanesa Roxana Minzatu (S&D) en Persoas, Habilidades e Preparación.

Incluída von der Leyen, dos 27 postos do Executivo da UE, un por cada Estado membro, 13 pertencen ao PPE, 5 aos liberais de Renovar, 4 a S&D, e ECR e PfE contarán cun cada un. Os restantes son o progresista Maros Sefcovic, cuxo partido, o eslovaco Dirección-Socialdemocracia (SMER-SD), non pertence a ningún grupo, e os independentes Jozef Síkela, de Chequia, e Costas Kadis, de Chipre.

A candidatura de Fitto motivou o voto en contra de Bloque Nacionalista Galego (BNG), Esquerra Republicana de Catalunya (ERC), EH Bildu, Compromís, Sumar ou Podemos, críticos coa viraxe cara á extrema dereita, ratificada pola tentativa de boicot do PP a Ribera, o que levou a un entendemento entre PPE, S&D e Renovar para que a súa candidatura resultara validada, nun pacto que implicaba apoiar Fitto e Várhelyi.

Tamén o PP, a diferenza da inmensa maioría do PPE, e a ultraespañolista Vox votaron en contra da proposta conxunta, alegando a súa negativa a apoiar Ribera. No caso desta última formación, o resto do seu grupo, PfE, tamén votou en contra, namentres ECR dividiu os seus votos a favor e en contra, con contadas abstencións, e a última agrupación da ultradereita no lexislativo, Europa das Nacións Soberanas (ESN), estivo en contra.

Tamén se dividiu a Alianza Libre Europea/Verdes (ALE/Verdes), na que se integra o BNG, Compromís e ERC. Ao tempo, A Esquerda (EH Bildu, Sumar ou Podemos) votou en contra.

Do Estado español apenas aprobaron a Comisión as e os representantes de PSOE (como a maioría do seu grupo, S&D) e Partido Nacionalista Vasco (PNV), como a meirande parte de Renovar, e por Junts (non adscrito), Antoni Comín aínda non puido tomar posesión pola negativa da Xustiza española, controlada polos conservadores, a aplicar de forma íntegra a Lei de amnistía.

Sexa como for, cando menos nas últimas tres décadas ningunha Comisión Europea recibira tan poucos apoios parlamentarios, e de feito, o programa presentado por von der Leyen para a lexislatura foi rexeitado.

Máis gasto militar

Ao presentar a proposta na Cámara, von der Leyen fixo fincapé no impulso dun “compás de competitividade” en base ao informe do ex presidente do Banco Central Europeo Mario Draghi, remarcando que a “nosa liberdade e soberanía depende máis que nunca da nosa fortaleza económica”.

Outro dos eixos principais do discurso foi a aposta por incrementar o gasto militar, no marco do que presentará nos primeiros cen días de mandato “un plan sobre o futuro da defensa europea”, xusto cando todo apunta que os Estados Unidos, que levaron Bruxelas á actual carreira armamentística, están a piques de mudar de posición coa chegada de Donald Trump á Casa Branca.

Manfred Weber, que encabeza o PPE e que avalara en primeira instancia o intento de bloqueo de Ribera, insistiu en que seguirá a colaborar con ECR, amais dos seus socios de S&D e Renovar, así como cos Verdes, insistindo en que co pacto para investir Ribera, Fitto e Várhelyi estes dous grupos tamén amosaron a súa capacidade de entenderse coa ultradereita, instando a “evitar polarizacións”.

A resposta de S&D chegou da man da súa líder, Iratxe García, que reiterou que rexeitarán o achegamento dos conservadores á extrema dereita, subliñando que o seu voto favorábel é “un si para seguir a avanzar, pola estabilidade europea”, e “non un cheque en branco”.

En paralelo, Valérie Hayer, á cabeza de Renovar, criticou o uso do Parlamento Europeo para efectuar debates de carácter estatal, cuestionando que máis alá da elección da Comisión Europea non está claro como se desenvolverá o traballo parlamentario.

Asemade, a eurodeputada do BNG Ana Miranda detallou a Nós Diario que a formación non podía apoiar unha Comisión que está “en contra dos intereses galegos”, criticando especialmente von der Leyen por ser “responsábel do austericidio en contra dos intereses das clases populares” e definíndoa como a “señora da guerra”, por non condenar o xenocidio israelí en Gaza.

Sánchez anuncia máis axudas pola DINA e arremete contra Mazón

O  presidente da Generalitat Valenciana, Carlos Mazón (PP), é “o principal responsábel da catástrofe” a finais de outubro no País Valencià, asegurou a cuarta feira no Congreso o presidente español, Pedro Sánchez (PSOE), reclamando ao líder do PP no Estado, Alberto Núñez Feixoo, que acepte a oferta do PSOE valenciano para substituílo por un Executivo de carácter técnico coas competencias necesarias para afrontar a reconstrución das áreas afectadas polas riadas desatadas por unha depresión illada en niveis altos (DINA).

Sánchez aseverou que “non fallou o sistema, fallaron algunhas pezas, e sobre todo algunhas persoas que non entenderon a súa responsabilidade”, incidiu en alusión a Mazón, que canda o PP mentiu en múltiples ocasións para xustificar as carencias na xestión.

Ademais, fixo público un terceiro paquete de axudas para as persoas damnificadas, que inclúe pagos de até 10.000 euros por persoa para a substitución de vehículos. Estímase que arredor de 100.000 ficaron inutilizados.

Feixoo inculpou Sánchez por facer “cero autocrítica” na resposta á DINA, debullando que coa súa comparecencia pretende “cubrirse de toda a peste de mentiras e corrupción que lle rodea”, acusándoo de liderar a “trama de Aldama”.

Víctor de Aldama, un comisionista implicado no 'caso Koldo', apuntou cara a Sánchez e outros cargos do PSOE ao ser imputado nesa causa, acusacións das que aínda non presentou probas mais que permitiron que fora liberado, e que levou a que presentaran unha demanda na súa contra por presuntas calumnias.

Comentarios