Ribera estará na Comisión Europea a cambio do apoio dos socialistas ao ultradereitista Fitto
Mazón elixe outro militar retirado para a reconstrución tras a DINA
Manfred Weber, líder do Partido Popular Europeo, Iratxe García, dos Socialistas e Demócratas, e Valérie Hayer, dos liberais de Renovar, fecharon a cuarta feira un acordo para dar luz verde ás seis Vicepresidencias da Comisión Europea, cuxa avaliación fora bloqueada pola tentativa do Partido Popular (PP) español de forzar a renuncia de Teresa Ribera, vicepresidenta terceira e ministra de Transición Ecolóxica do Estado español, como candidata a unha das Vicepresidencias do Executivo da Unión Europea (UE), recolleron medios estatais.
O pacto implicaría o fracaso desta estratexia, coa que os conservadores buscaban evitar que o presidente do País Valencià, Carlos Mazón (PP), se teña que responsabilizar das 219 mortes por unha depresión illada en niveis altos (DINA) a finais de outubro, nun fenómeno no que a Generalitat Valenciana non avisou a poboación do risco até que milleiros de persoas loitaban pola súa vida, intentando trasladar a responsabilidade a Ribera.
O acordo no bloque comunitario implica que os socialistas terán que acabar coas súas reticencias a outro dos candidatos á Vicepresidencia, Raffaele Fitto, e apoialo para o cargo, no que será o primeiro vicepresidente de extrema dereita da Comisión. Outro dos beneficiados será o ultradereitista Olivér Várhelyi, que verá aprobada a postulación para dirixir Sanidade e Benestar Animal.
Amais, Ribera compareceu no Congreso e no Senado para detallar as xestións durante a DINA, criticando que a Axencia Estatal de Meteoroloxía e a Confederación Hidrográfica do Xúquer foran excluídas durante unha hora da reunión do Centro de Coordinación de Emerxencias do País Valencià, á que Mazón chegou con dúas horas e media de atraso e na que os integrantes do Executivo valenciano non foron quen de tomar decisións operativas durante horas.
Pola súa parte, Mazón escolleu outro militar retirado do Exército de Terra español para ingresar no seu equipo, ao designar Venancio Aguado de Diego, xeneral de brigada até 2020, para a Secretaría Autonómica da Vicepresidencia de Recuperación Económica e Social, cargo no que na véspera fora nomeado Francisco José Gan Pampols, ex tenente xeneral.
Asemade, Alfred Costa, director xeral de À Punt, a radiotelevisión pública valenciana, presentou a súa renuncia “irrevogábel” após case cinco anos dirixindo o organismo, alegando “motivos persoais”.
Isto chega despois de transcender que Mazón estivo máis de tres horas durante a DINA comendo con Maribel Vilaplana, xornalista á que lle tería ofrecido a dirección do medio.
