Ucraína tería que devolver aos Estados Unidos catro veces a axuda entregada
Un dos pasos chave da estratexia fixada polo presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, para pór fin á guerra en Ucraína está a punto de completarse, constatou unha fonte que trasladou a terza feira á canle Euronews que se prevé que o pacto de minerais Kíiv-Washington sexa aprobado a cuarta.
Despois de dar inicio a unha campaña de descrédito contra o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, ao que Trump definiu como “ditador sen eleccións”, no marco da que o líder ucraíno insistiu en que non podía “vender o país”, un borrador do acordo visto polo medio de comunicación, e que a intención é que reciba luz verde “sen variacións”, indica que Ucraína terá que devolver ao país americano polo armamento e outra axuda entregada 476.000 millóns de euros.
Non obstante, desde o comezo da invasión rusa hai tres anos até o 31 de decembro de 2024 Washington entregou a Kíiv 114.150 millóns de euros.
O pacto, datado o 21 de febreiro, un día despois da reunión entre Zelenski e Keith Kellogg, enviado de Trump ao país, debulla que se creará un “fondo de investimento de reconstrución” do que o único propietario serán os Estados Unidos, que o administrarán de forma conxunta con Kíiv para “promover o valor económico asociado cos recursos de Ucraína, incluídos, pero non limitados a eles, os recursos minerais, petróleo e gas, infraestrutura e portos, até que o fondo estea completamente financiado”.
Neste sentido, as achegas de Ucraína terán que proseguir até alcanzar os 476.000 millóns de euros, mais en paralelo terá que entregar ao “fondo unha suma igual ao dobre da cantidade que os Estados Unidos lle proporcionen despois da data do acordo”.
Asemade, Kíiv recibirá 50% dos ingresos xerados pola iniciativa unha vez restados os gastos operativos, unha cifra que se elevará a 66% no tocante aos ingresos relacionados cun territorio en mans rusas que volva a control ucraíno.
Após as demandas de Zelenski, o entendemento, que iría da man cun acordo bilateral e se prolongaría durante a reconstrución de Ucraína até chegar ao nivel de produto interior bruto de 2021, ofrecería garantías de seguridade para o país, e ambos os dous “constituirán elementos integrais da arquitectura dos acordos bilaterais e multilaterais, así como dos pasos concretos para estabelecer unha paz duradeira”.
Arredor do xiro na posición estadounidense sobre o conflito, Washington presentou unha resolución no Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU) que pedía “unha fin rápida” da guerra e “unha paz duradeira”, e que foi validada co apoio ruso e chinés.
