VÍDEO NO INTERIOR

O debate da Eurocámara na TVG: 14 segundos para Sánchez, 20 para Puigdemont, 3 para Miranda... e 24 para un can

"Que sorte ten o can!", respondeu con ironía a parlamentaria do BNG en Europa.
Pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo esta cuarta feira. (Foto: Álex Flores / Europa Press)
photo_camera Pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo esta cuarta feira. (Foto: Álex Flores / Europa Press)

O pleno do Parlamento europeo desta cuarta feira estivo marcado pola comparecencia do presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, que fixo balance ante as deputadas e deputados do semestre da Presidencia española da UE. Sánchez, un dos principais referentes nestes momentos da socialdemocracia europea, mantivo un duro enfrontamento dialéctico co líder dos populares na Cámara, o alemán Manfred Weber, pois o foco estivo posto nos seus pactos de goberno e, en especial, a Lei de amnistía.

No hemiciclo estivo presente tamén, e interveu, o europarlamentario de Junts e ex president catalán, Carles Puigdemont, así como a líder do PP español en Europa, Dolors Montserrat, e a representante do BNG en Estrasburgo e Bruxelas, Ana Miranda... e un can guía cuxos ladridos irromperon na sesión.

E para a TVG, o can mereceu máis tempo en pantalla que as palabras de Miranda, eurodeputada da primeira forza da oposición na Galiza. Foron, en concreto, 24 segundos para o can e unicamente tres para a galega, que respondeu con retranca nas redes sociais: "Que sorte ten o can!".

A intervención de Puigdemont copou outros 20 segundos nos informativos da Galega; a de Sánchez, 14 —malia ser o presidente do Goberno español—, e a de Montserrat, 22. Unha situación que non gustou no Bloque.

"Tras meses sen saír unha intervención parlamentar de Ana Miranda na TVG, a televisión pública de todas as galegas e galegos retransmite tres segundos das súas palabras nunha peza de dous minutos e medio de duración", censuran as nacionalistas.

Comentarios