Trump ultima unha reunión con Putin co fin de acabar coa guerra en Ucraína

O Kremlin confía en avances a partir da toma de posesión
Donald Trump o 13 de novembro de 2024. (Foto: Allison Robbert - Pool via C / Europa Press / Contacto)
Donald Trump o 13 de novembro de 2024. (Foto: Allison Robbert - Pool via C / Europa Press / Contacto)

O presidente electo dos Estados Unidos, Donald Trump, que volverá á Casa Branca o 20 de xaneiro, trasladou na madrugada da sexta feira que “estamos a organizar” unha reunión co líder ruso, Vladimir Putin, aducindo que “quere que nos reunamos” e insistindo en que “temos que pór fin a esta guerra [en alusión ao conflito bélico en Ucraína], que é un auténtico desastre”.

Á vez, o voceiro do Kremlin, Dmitri Peskov, ratificou a disposición de Putin para levar a cabo o encontro, e salientou que “non se precisa ningunha condición” e si o “desexo mutuo e a vontade política de empezar un diálogo e solucionar os actuais problemas a través do diálogo”.

Asemade, incidiu en que, “aparentemente”, cando Trump tome posesión “producirase algún avance”.

A pesar de que reiterou durante a campaña electoral que acabaría co conflito nun día, criticando os envíos de armamento do país a Kíiv, até o de agora Trump non presentou en público a súa estratexia.

Sobre a exixencia de Trump de que os membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) incrementen o gasto militar a 5% do produto interior bruto, funcionarios e analistas citados pola axencia Reuters sinalaron que non será implementada posto que ningún dos membros pode alcanzar actualmente esa cifra, mais apuntan a que probabelmente leve a un aumento do obxectivo actual, fixado en 2%, o que non todos os membros alcanzaron.

Sentenza contra Trump

O presidente electo non recibiu multa nin prisión na sentenza por ocultar pagos a unha actriz porno para que mantivese en segredo unha relación fóra do matrimonio, que si ratificou a súa culpabilidade.

Comentarios