Trump busca acabar coas primarias republicanas en Carolina do Sur

Suecia, perto de lograr a súa adhesión á OTAN.
Donald Trump. (Foto: Andrea Renault / Europa Press / Contacto)
photo_camera Donald Trump. (Foto: Andrea Renault / Europa Press / Contacto)

As enquisas de cara ás primarias republicanas que se desenvolverán mañá no Estado estadounidense de Carolina do Sur apuntan a outra ampla vitoria do ex presidente entre 2017 e 2021, Donald Trump, como xa aconteceu en Iowa, Nova Hampshire, Nevada e as Illas Virxes dos Estados Unidos.

Neste caso, imporíase por máis de 30 puntos á outra aspirante á candidatura presidencial do Partido Republicano, Nikki Haley, que ficaría con 32% dos apoios a pesar de centrar a súa campaña desde as primeiras votacións no seu Estado natal, no que se desempeñou como gobernadora entre 2011 e 2017, antes de asumir a representación estadounidense na Organización das Nacións Unidas (ONU).

Coa candidatura de Trump achegándose á súa confirmación para os comicios de novembro, Haley aspira a un resultado “o suficientemente bo” como para “ser algo competitiva” o 5 de marzo, cando máis dunha ducia de Estados organizan en paralelo as súas primarias, sostén a axencia AP.

Nunha intervención esta semana, a ex gobernadora deixou entrever que non se retirará da pugna como mínimo até esa data, ao tempo que o ex mandatario está pendente da decisión do Tribunal Supremo, que ten que determinar se acepta o veto dalgúns Estados a que o seu nome estea nas papeletas das primarias e das presidenciais, acusándoo de insurrección polo intento de golpe de Estado de 2021.

Tamén ten varios litixios pendentes despois de ser condenado a ter que pagar 330 millóns de euros por cometer fraude fiscal en Nova York, que lle prohibiu ocupar postos en calquera empresa con sede no Estado durante tres anos.

O pacto con Hungría abre a Suecia as portas da OTAN

Nunha rolda de prensa conxunta hoxe entre o primeiro ministro sueco, Ulf Kristersson, que goberna grazas a un pacto coa extrema dereita, e o líder húngaro, o ultradereitista Viktor Orbán, este último indicou que o lexislativo abordará a vindeira segunda feira a entrada de Suecia na Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) para “tomar as decisións necesarias”. A adhesión sueca fica pendente de Budapest, único membro da alianza que non a ratificou.

No que Orbán considerou un intre “crucial” na reconstrución da confianza entre ambos os dous Estados, os mandatarios asinaron pouco antes un pacto para que Hungría se faga con catro cazas suecos, elevando a súa flota a 18. Ademais, os 14 avións de combate suecos arrendados até 2026 pasarán a ser propiedade húngara ese ano.

Comentarios