Irán forza Trump a impor a Israel un cesar o fogo de dez días co Líbano

Ábrese a posibilidade a unha segunda rolda de conversas entre Estados Unidos e Irán, tras un día de intensos contactos no que Trump ordenou un cesar o fogo entre Israel e o Líbano para favorecer as negociacións. A tregua declarada por Estados Unidos abre unha crise de alcance no Executivo de Israel.

O xefe do exército paquistaní, Asim Munir, onte en Tehran co presidente do Parlamento iraniano Mohamad Baqer Qalibaf. (Foto: Tasnim)
O xefe do exército paquistaní, Asim Munir, onte en Tehran co presidente do Parlamento iraniano Mohamad Baqer Qalibaf. (Foto: Tasnim)

Donald Trump avanzou na tarde de onte un alto o fogo de 10 días entre Israel e o Líbano despois dunha xornada de intensas negociacións indirectas entre as autoridades iranianas e estadounidenses, onde máxima autoridade militar de Paquistán e auténtico home forte do país Sayed Asim Munir Ahmed Shah actuou como mediador. A proposta, que chegou nun día en que o exército sionista continuou a súa ofensiva contra o sur do Líbano, enténdese como unha cesión do presidente estadounidense ao Goberno iraniano para favorecer as conversas entre ambos países. A iniciativa foi saudada polo Executivo libanés e criticada por parte dos membros do Goberno de Israel.

Asim Munir reuniuse onte e antonte en Tehran coas autoridades iranianas para trasladarlles unha proposta de Estados Unidos destinada a facilitar unha nova rolda de negociacións entre ambos os países. A visita de Asim Munir á capital persa xa fora avanzada nos días pasados pola prensa estadounidense, asegurando o propio Donald Trump a quinta feira que "podería pasar en dous días". Porén, as súas posibilidades de éxito dependerán das propostas da Casa Branca e das garantías de cumprimento que ofreza.

O ministro de Exteriores de Irán, Abbas Araqchi, asegurou após reunirse con Asim Munir que o seu país está disposto a estudar a oferta. Neste sentido, fontes do Goberno de Tehran citadas polo axencia Tasnim, próxima á Garda Revolucionaria, aseguraron que "tras a reunión de hoxe da delegación paquistaní, encabezada polo xefe do exército paquistaní Asim Munir, con funcionarios iranianos, o equipo do Irán realizará a revisión necesaria e posteriormente tomarase unha decisión sobre a próxima rolda de negociacións entre Irán e Estados Unidos".

As autoridades iranianas aseguraron que Washington "debe aterse ao marco lóxico das negociacións e evitar obstaculizar o proceso con esixencias excesivas ou incumprindo as promesas realizadas antes do cesamento do fogo". Na mesma dirección, Araqchi reclamou a Xapón e China unha maior implicación nas negociacións, respondéndolle o seu homólogo chinés, Wang Yi, que "China apoia o mantemento do alto o fogo e as negociacións, o cal redunda no interese fundamental do pobo iraniano e é tamén a expectativa común dos países da rexión e da comunidade internacional".

Os contactos coordinados por Paquistán para volver sentar  Irán e Estados Unidos na mesa de negociacións coinciden con diversos movementos militares da Casa Branca na rexión que poderían escalar o conflito. A este respecto, o xornal The Washington Post recolleu na súa edición de onte que a administración estadounidense disponse ao "despregue de miles de tropas adicionais en Oriente Medio nos próximos días" co obxectivo de aumentar a súa presión sobre o Goberno de Tehran e preparar o terreo para a posta en marcha dun operativo terrestre no caso de que fracasen as conversas.

Efectivos insuficientes

The Washington Post concretou que o despregue militar en Oriente Medio significaría involucrar aproximadamente 6.000 efectivos a bordo do portaavións George H.W. Bush e dos seus buques de guerra auxiliares. A este continxente, sumaríase a finais de mes 4.200 soldados do Grupo de Desembarco Anfibio Boxer a da 11 Unidade Expedicionaria de Marines, ambos destacamentos con base na cidade californiana de San Diego. Estes 10.200 militares de reforzo uniríase a outros 50.000 que Estados Unidos mantén de xeito permanente nas súas diversas bases militares da rexión, que nas últimas semanas foron obxecto de ataques por parte de Irán. 

Os analistas de Military Watch Magazine, unha publicación estadounidense considerada como a referencia mundial para temas de defensa, aseguraban na súa edición de onte que o número de efectivos que Estados Unidos agarda ter despregados en Oriente Medio para comezos de maio serían insuficientes para unha acción militar terrestre contra Irán. A este respecto, indicaba que precisaría dunha cifra de militares moi superior á empregada na primeira guerra contra Iraq en 1991, cando Washington e os seu aliados desprazaron á zona máis dun millón de soldados, para loitar contra un exército moito peor dotado e coa metade de efectivos que o iraniano, conformado na actualidade por perto de un millón de soldados activos e na reserva.

A política de Estados Unidos en relación con Ormuz é outro punto de tensión co Irán. A decisión da administración estadounidense de bloquear o paso polo estreito a buques procedentes de portos iranianos é considerado por Tehran como "unha violación do acordo do alto o fogo". Porén, fontes estadounidenses citadas pola axencia Reuters aseguraron que o Goberno iraniano estaría disposto a permitir a libre circulación de buques pola beira de Omán do estreito de Ormuz.

Israel achegou máis tensión á situación asegurando por boca do seu ministro de Defensa, Israel Katz, que Irán afronta unha "encrucillada histórica" e abrindo a porta a novos ataques. Nesta dirección, mantivo que o país persa debe escoller entre “unha ponte cara ao futuro ou un abismo de illamento e destrución” e instouno a abandonar o “terror e as armas nucleares". A este respecto, concluíu que "se o réxime iraniano elixe o segundo camiño, pronto descubrirá que os obxectivos que aínda non atacamos son aínda máis dolorosos que os que xa atacamos", en liña co afirmado horas antes polo secretario de Guerra de Estados Unidos Peter Hegseth.

Barcelona acolle desde hoxe tres encontros mundiais contra a guerra

Barcelona acolle desde hoxe tres encontros onde a guerra en Oriente Medio será o tema central. O denominado I Cumio España-Brasil desenvolverase na mañá desta sexta feira  no Palau de Pedralbes co presidente brasileiro, Luiz Inácio Lula da Silva, e o mandatario español, Pedro Sánchez, como protagonistas. Do mesmo agárdase unha resolución contra a intervención militar de Estados Unidos e Israel contra Irán, após o apoio do dirixente brasileiro á postura do seu homólogo español.

Aliás, o recinto barcelonés Fira Gran Via reúne entre hoxe e mañá o encontro da 'Global Progressive Mobilisation', un evento promovido pola Internacional Socialista, o Partido dos Socialistas Europeos e a Alianza Progresista, no que dirixentes progresistas de diversos países analizarán unha folla de ruta común en defensa da paz e contra a deriva reaccionaria impulsada polo Goberno de Estados Unidos. No encontro, participarán, entre outros, como relatores Pedro Sánchez e Lula da Silva, así como o presidente de Sudáfrica, Cyril Ramaphosa, o presidente uruguaio, Yamandú Orsi, o presidente de Colombia, Gustavo Petro, e o presidente do Consello Europeo, António Costa. Ao mesmo acudirá, tamén o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro.

O sábado 18 de abril, en paralelo á 'Global Progressive Mobilisation', desenvolverase a IV Reunión en Defensa da Democracia, un encontro institucional no que está previsto que participen Sánchez, Lula, Petro, Orsi e Ramaphosa e cuxa anterior edición se realizou o ano pasado en Chile, baixo o patrocinio do anterior mandatario do país Gabriel Boric.

Comentarios